– Grazas á unha iniciativa da Subdelegación do Goberno, os Concellos que como Redondela están adheridos a VIOGEN, realizarán a campaña institucional do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, en colaboración coa Universidade de Vigo. A campaña está deseñada por alumnas do Máster en Dirección de Arte Publicitaria.
– A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que Redondela escolleu o proxecto realizado por Sara Nieto, Laura González, Ana Tasende, Marta Rodal e Belén Alonso. A campaña céntrase no concepto de que a violencia machista é universal, “afecta ás mulleres dos cinco continentes, de todas as clases sociais e culturas” e promove que a resposta a esta violencia sexa tamén universal.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra e a Universidade de Vigo, a través do alumnado de máster de Publicidade, porán a disposición do Concello de Redondela, e os de Moaña, Ponteareas, Lalín e Sanxenxo, campañas de prevención e loita contra a violencia de xénero. O obxectivo é ir máis aló do combate policial, de cara ao próximo 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A iniciativa foi presentada este martes polo subdelegado do Goberno, Abel Losada, xunto a representantes dos concellos participantes, como a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a de Moaña, Leticia Santos; ou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; e a tenente de alcalde de Lalín, Paz Pérez Asorey; e a concelleira de Igualdade de Ponteareas, Raquel Plana. Tamén acudiu a decana da Facultade de Ciencias Sociais, Emma Torres, así como unha representación do alumnado do máster e a xefa da Unidade de Prevención da Violencia da Subdelegación, María José Rodríguez.
As campañas están deseñadas por alumnas do Máster en Dirección de Arte Publicitaria. En Redondela escolleuse o proxecto realizado por Sara Nieto, Laura González, Ana Tasende, Marta Rodal e Belén Alonso. A campaña céntrase no concepto de que a violencia machista é universal, “afecta ás mulleres dos cinco continentes, de todas as clases sociais e culturas” e promove que a resposta a esta violencia sexa tamén universal. A campaña, que se elaborará nos vindeiros meses, darase a coñecer nos medios de comunicación tradicionais e tamén dixitais, con mensaxes nas redes e tamén nos actos institucionais do Concello.
O Subdelegado do Goberno, Abel Losada, declarou que é unha “gran satisfacción” que unha iniciativa participada pola Subdelegación, os Concellos e a Universidade calle e chegue á cidadanía nun ámbito “tan sensible”. No acto, que contou con representantes dos demais Concellos participantes (Sanxenxo, Ponteareas, Moaña e Lalín), a alcaldesa Digna Rivas destacou “a decidida implicación do Concello de Redondela na loita contra a violencia machista”. Rivas salientou as campañas de prevención que se realizan ao longo de todo o ano, especialmente entre os mozos e mozas con charlas e obradoiros nos institutos. Destacou tamén a labor que se fai desde Redondela cos Premios de Xornalismo Ético Sesé Mateo, que recoñecen “a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias”.
Na imaxe, de esquerda a dereita: Iria Vilaboa, concelleira de Igualdade, Abel Losada, subdelegado do Goberno, Sara Nieto, do máster, Digna Rivas, alcaldesa, María José Rodríguez, xefa da Unidade Viogén en Pontevedra, Laura González, do máster, e Enma Torres, decana da Facultade de Comunicación da Uvigo.