Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela preparásese para o 25º Entroido de Verán ao ritmo de Coti

– A programación aposta polo talento galego cos concertos de Uxía Lambona e Javi Maneiro, ademais dos picadiscos locais Rodri Vegas, Carlos González e Borja Rúa xunto co porriñés Samu Peixe. O prato forte será o concerto do arxentino Coti.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación «que teña en conta tanto ao público infantil e familiar como á mocidade e público adulto, por iso os nenos teñen os seus propios espazos con actividades específicas».

Redondela quenta motores para o 25º Entroido de Verán, unha das citas máis agardadas da programación estival da provincia. Será o sábado 24 de agosto e ofrecerá un intenso programa de actividades para públicos de todas as idades. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación «que teña en conta tanto ao público infantil e familiar como á mocidade e público adulto, por iso os nenos teñen o seu propio espazo con actividades específicas». Desde as concellarías de Turismo e Cultura, que dirixe Rita Pérez Táboas, faise unha aposta polos grupos locais e galegos con concertos de Uxía Lambona e Javi Maneiro, ademais dos picadiscos redondeláns Rodri Vegas, Carlos González, Borja Rúa e o porriñés Samu Pexe. O prato forte será o concerto de Coti.
As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20.00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa. Ás 21.30 comezará a xa tradicional Gala Drag. A bailarina e coreógrafa Hurakan Bastida será a presentadora deste evento que repartirá 1.800 euros en premios. Finalizada a gala comezarán os concertos. O primeiro en subir ao escenario ás 23.00 horas será Javi Maneiro. O artista, vocalista de grupos como Heredeiros da Crus ou Jabón Blue, fará vibrar ao público co seu rock. Ás 0.30 horas será a quenda de Coti. O músico arxentino, coñecido en América Latina e España por temas como «Antes que ver el sol», «Nada fue un erro» o «Otra vez». Xa consolidado como un creador de éxitos, Coti é recoñecido en todo o mundo pola popularidade e a repercusión das súas cancións, con letras e melodías inesquecibles. Os Djs Samu Pexe e Rodri Vegas serán os encargados de pechar a festa cunha sesión que comezará ás 02.15 e rematará ás 04.00 horas.

Actividades para público infantil e familiar
O Concello de Redondela volve apostar polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións no centro da vila. A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga desde as 18.00 ata as 21.00 horas. Na praza de Ponteareas haberá ademais unha xincana con inchables. Nestes mesmos recintos celebraranse festas da escuma ás 21.30 horas. Na Praza da Casa da Torre, ás 20.30 horas, terá lugar o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, que porán a cantar e bailar a grandes e pequenos.
Estas actividades ofrécense en tres espazos diferentes repartidos pola vila «para evitar aglomeracións e que o público infantil e familiar poida rotar polos diferentes recintos», explica a alcaldesa, Diga Rivas.

Consumo máis sostible
Como novidade, este ano todos os postos de venda de bebidas utilizarán vasos reutilizables co obxectivo de eliminar os envases de plástico dun só uso. Os vasos reutilizables serán de balde, ou mediante o depósito e posterior devolución da cantidade abonada.
Todos os postos de venda de bebidas nas rúas do centro da vila (Alfonso XII, Xeneral Rubín, Ribeira, Praza José Figueroa, Praza da Constitución, etc.) abrirán os aseos dos seus locais para o uso do público en xeral, ou ben instalarán un baño químico portátil.

Reforzo do de transporte público
Como en anos anteriores as empresas de transporte público ofrecen liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde os diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta até as 06.00 horas.

Compartir