O auditorio da Xunqueira acolleu esta pasada noite unha emotiva homenaxe a Pablo Couñago. Co gallo da inauguración da exposición polo 25º aniversario da victoria da selección Sub-20 o Mundial de Nixeria, o Concello de Redondela estreou un documental sobre o xogador redondelán. O documental recolle a vitoria do Mundial, no que Couñago foi Bota de Ouro, e toda a súa traxectoria desde o equipo do colexio e Casa Paco, ata o Celta, Ipswich Town, Numancia ou Málaga, entre outros, para colgar as botas no CD Choco. No video de homenaxe participan varios dos protagonistas daquel Mundial, como Xavi Herández, Pablo Coira ou Gonzalo Colsa, ademais doutros ex xogadores, técnicos como Rafa Sáez, persoeiros do mundo do fútbol, como Manolo Conde, familiares e amigos de Pablo Couñago como Jacobo Montes ou “Plati”. Todos coinciden en destacar do redondelán “a súa humildade e honestidade”, e a súa gran calidade “como futbolista e sobre todo como persoa”.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que é “un orgullo” poden contar en Redondela cun deportista e unha persoa como Pablo Couñago, ao que o Concello quixo render esta homenaxe “máis que merecida”. Un emocionado Pablo Couñago recibiu os aplausos do público e dixo sentirse “honrado” por recibir este cálido recoñecemento en Redondela “o lugar onde nacín, onde comecei a xogar ao fútbol e onde espero morrer”.
A exposición, que pode visitarse no Multiúsos de Redondela ata o 1 de febreiro, fai un repaso polos máis de 20 anos de carreira deportiva de Pablo Couñago, con paneis, fotografías, trofeos e obxectos persoais do xogador.
Rivas agradeceu o gran traballo realizado polo departamento de Cultura do Concello para facer realidade esta homenaxe, especialmente ao técnico Manuel Ferradáns, así como a Cuchi Carreira, de Cal3, polo excelente traballo documental, VYP Estudio pola maquetación da mostra e a Rótulos Amoedo polo seu traballo na impresión e montaxe.