O Concello de Redondela en colaboración coa Asociación de Empresarios puxo en marcha unha campaña de Nadal con premios para promover as compras nos Mercados Municipais de Redondela e Chapela. Onte celebrouse o sorteo das cestas de Nadal nas prazas de abastos entre todos os boletos recollidos nas urnas. Algunhas das agraciadas, que se atopaban na praza, xa puideron recoller o seu premio, e o resto de agraciados foron contactados telefonicamente para que pasen a recoller a súa cesta. O concelleiro de Consumo e Comercio, Antonio Cabaleiro, sinala que con esta campaña o Concello quixo «promover as compras nas prazas de Redondela e Chapela nestas festas de Nadal». Por outra banda o responsable dos Mercados Municipais, Pedro Villaverde explica que é un xeito de «premiar á veciñanza que confía nestes establecementos, que ofrecen produtos frescos de gran calidade».
Por parte da Asociación de Empresarios destacan que por primeira vez fíxose confluír nunha mesma campaña a participación tradicional e online nunha nova plataforma de concursos e sorteos da Asociación de Empresarios de Redondela. O portal estreouse cos sorteos das Cestas de Nadal e os 3.000€ en Vales de Compra no que participan máis de 60 establecementos entre os que tamén se atopan os praceiros e praceiras ademais de todo o comercio de Redondela e Chapela.