– Desde xaneiro deste ano 2024, e ata comezos do mes de outubro, pasaron por Redondela un total de 153.205 peregrinos. A maioría, 86.363, fixérono a través do Camiño Central e un número cada vez maior, 66.842, a través do Camiño da Costa.
– A concelleira de Turismo, Rita Pérez Táboas, sinala que esta cifra “supón un incremento de 12.000 peregrinos máis que o ano pasado nestas datas, case un 10% de incremento, quedando aínda dous meses e medio para finalizar o ano”.
As rutas xacobeas, que en Redondela conflúen co Camiño Portugués Central e o Camiño Portugués pola Costa, atraen cada ano a milleiros de persoas. Desde xaneiro deste ano 2024, e ata comezos do mes de outubro, pasaron por Redondela un total de 153.205 peregrinos. A maioría, 86.363, fixérono a través do Camiño Central e un número cada vez maior, 66.842, a través do Camiño da Costa. A concelleira de Turismo, Rita Pérez Táboas, sinala que esta cifra “supón un incremento de 12.000 peregrinos máis que o ano pasado nestas datas, case un 10% de incremento, quedando aínda dous meses e medio para finalizar o ano”. O perfil dos peregrinos que pasan por Redondela varía en función da época do ano. Se ben nos meses de abril, maio e xuño son maioría os estranxeiros, coa chegada do verán tanto no mes de xullo como en agosto os peregrinos de orixe española son maioría. O tirón do Camiño de Santiago a nivel internacional déixase notar nas cifras que rexistra a Oficina Municipal de Turismo, onde reciben información peregrinos de máis de 40 nacionalidades diferentes. A maioría proceden de Portugal e Alemaña, pero chegan camiñantes de todos os puntos do planeta: desde Xapón ata os EEUU, pasando por Sudáfrica, Taiwan, Rusia, Australia ou México. No caso dos españois as Comunidades Autónomas que achega máis peregrinos son Madrid, Andalucía e Valencia, aínda que tamén é numerosa a cifra de peregrinos procedentes de Cataluña e Euskadi.
Do total de peregrinos que atravesan o noso municipio, na Oficina de Turismo do Concello de Redondela atendeuse a 16.761, dos que 10.266 chegaron a través do Camiño Central e 6.495 a través do Camiño da Costa. Os turistas e visitantes foron tamén numerosos, en total 793 persoas. Tamén os propios veciños e veciñas de Redondela se achegan á oficina en busca de actividades e información, e este ano sumaron 755 persoas.
Éxito dos roteiros ambientais
Mención especial merecen as actividades de Roteiros Mediombientais, que desde as concellerías de Turismo, Medio Ambiente e Sostibilidade se realizaron ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Nestas rutas guiadas polas diferentes parroquias do municipio participaron 1.096 persoas que puideron gozar do patrimonio natural de Redondela con actividades a pé, en bicicleta e canoa. Pérez Táboas sinala que as visitas guiadas teñen moito éxito “tanto entre os peregrinos e turistas que nos visitan como entre a propia veciñanza de Redondela, que deste xeito pode coñecer mellor a historia da nosa vila e o seu patrimonio natural”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”.
Outra actividade gratuíta organizada pola Oficina Municipal de Turismo son as visitas guiadas “A vila pola tardiña” todos os luns pola tarde, na que os guías dan a coñecer o patrimonio histórico, cultural e arquitectónico da vila de Redondela. Nesta temporada levan participado 145 persoas.