Concello de Redondela

Redondela xa forma parte do arquivo de xigantes “Terra Nostra”

O Concello de Redondela colabora co arquivo fotográfico de xigantes «Terra Nostra», de Cataluña. Os xigantes de Redondela, coñecidos cariñosamente como “os avós”, foron fotografados por Adriá Serrat Simó, responsable do arquivo. O Papamoscas e María a Grande xa forman parte da gran familia do arquivo “Terra Nostra”, no que se recollen máis de 10.000 imaxes de xigantes de todo mundo. Serrat destacou “a orixinalidade” dos xigantes, e a súa coidada conservación.

A visita de Adriá Serrat coincidiu coa recente restauración dos xigantes do Meco nos xardíns da Xunqueira. O experto catalán felicitou ao Concello pola réplica “exacta” destas figuras no exterior do multiúsos “para disfrute de toda a cidadanía e os visitantes”. Este Meco é, de feito, un dos elementos de Redondela máis fotografado por peregrinos e visitantes. Trátase da figura realizada polo artista Rubén Casal para o Entroido de 2021, durante a pandemia. O Meco representa os símbolos de Redondela: o viaduto, a coca e os xigantes, e foi o único Meco da historia local indultado das lapas.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, agradeceu a visita do responsable do arquivo Terra Nostra. A edil explicoulle a historia dos “avoíños” e puxo de relevo “o cariño e o respecto” que toda a veciñanza de Redondela lle ten aos xigantes, que son “todo un orgullo para os redondeláns” e que forman parte “do noso patrimonio, da cultura e da historia deste municipio” concluíu Pérez Táboas.

Compartir