- As actuacións realizadas pola concellería de Infraestruturas e Sostibilidade dan resposta ás demandas do propio centro escolar e das familias, e supoñen unha mellora para a mobilidade e a seguridade dos escolares.
– Os traballos consistiron na reordenación das prazas de aparcadoiro, a ampliación dun paso de peóns, o rebaixe de beirarrúas e a apertura dun novo acceso para o centro, entre outras cuestións.
A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, acometeu nas últimas semanas varios traballos na contorna do colexio Laredo, en Chapela. A petición da dirección do centro e da ANPA realizáronse obras para mellorar a seguridade viaria “con fin de facilitar a entrada e saída de nenos e nenas ao centro e evitar riscos cos vehículos”, explica Villar.
Os traballos consistiron no rebaixe das beirarrúas na entrada principal da escola para mellorar a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida. Tamén se prolongou o paso de peóns cara o peirao de Penedos co fin de mellorar a seguridade dos escolares que se desprazan a pé cara esa zona. En colaboración coa ANPA abriuse tamén unha nova entrada para o colexio no lateral que dá acceso ao paseo de Cardona, á altura do paso de peóns.
A actuación serviu tamén para reorganizar as zonas de aparcadoiro e evitar riscos na contorna por mor das manobras dos coches. Na parte traseira do colexio modificouse a disposición das prazas, para que non interfiran co acceso ao centro. Nas prazas de aparcadoiro do paseo de Cardona instalouse no firme un sistema de retención “para evitar que os vehículos estacionados invadan a beirarrúa”.
Outras labores que se realizaron na zona foi o arranxo do firme en diferentes puntos e o repintado das prazas de estacionamento, liñas da estrada e pasos de peóns desde o CEIP Laredo ata o Centro de Deportes Acuáticos. Tamén se desprazou un farol que dificultaba a montaxe dos escenarios para os concertos no paseo marítimo.
A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro Roberto Villar visitaron onte a zona para comprobar o resultado dos traballos. Rivas puxo en valor estas actuacións “que dan resposta ás demandas do propio centro escolar e das familias, e que supoñen unha mellora para a mobilidade e a seguridade dos escolares”. Villar explicou que estas labores realizáronse unha vez rematado o curso escolar “para reducir en todo o posible as molestias aos usuarios”.