Concello de Redondela

«Reto RadioLector»: novo reto das Bibliotecas de Redondela, en colaboración coa Radio Municipal

As bibliotecas municipais de Redondela veñen de darlle unha nova volta ao Reto Lector que estaban a ofrecer aos seu público nestes anos. No Día Mundial da Radio propoñemos mudar a proposta para convertela nun Reto RadioLector 🎙🎛.

Como ben sabedes, as bibliotecas municipais colaboran de xeito habitual coa radio do municipio: Radio Redondela. Alí falamos de literatura, recomendamos libros e, ás veces, facemos un repaso polo panorama literario do momento.

Este ano, no que nos propoñemos dar máis participación á nosa veciñanza, queremos ofrecer ás persoas usuarias das bibliotecas a experiencia de compartir as súas lecturas na radio.

Certo que para iso precisamos un público animado e afouto, con gañas de PARTICIPAR.

Se es ou sodes ese tipo de persoas. Se vos gusta ler. Se queredes falar dese libro, ou dese autor ou autora que tanto vos gusta. Se queredes «tirarlle das orellas» radiofónicamente ao escritor ou escritora. Se queredes compartir esa pasaxe que tanto vos emocionou. Se queredes recomendar libros aos vosos conveciños e conveciñas… Non o dubidedes: as bibliotecas vos proporcionamos esa oportunidade.

  • Podedes participar unha ou moitas veces, as que querades!
  • Podedes participar de xeito individual ou en parella, trío, grupo
  • Poderedes grabar presencialmente, nos estudios da radio, ou a distancia, a través do teléfono.
  • A proposta é falar de libros e literatura. Vós escolleredes o tema.

 

E como viñamos facendo cos RETOS, desta vez sí, de novo a proposta finalizará nun SORTEO LECTOR, que terá lugar unha vez finalizado este ano.

Cada intervención ou programa realizado suporá unha nova participación no sorteo e máis opcións de gañar. Podes descargala AQUÍ ou pedila nas bibliotecas e mais tamén na Radio Municipal.

Paga a pena probar a experiencia. Animádevos!

Que sería da vida se non tiveramos o valor de intentar cousas novas? (Vincent Van Gogh)

Compartir