Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Transportes investirá de 48,8 millóns na liña de tren Redondela-Vigo cun novo apeadeiro en Chapela

O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro e a alcaldesa Digna Rivas co subdelegado do goberno Abel Losada nunha recente visita á estación de Redondela

O Ministerio de Transportes do Goberno de España anuncia un investimento de 48,8 millóns de euros para a modernización do tramo de ferrocarril entre Redondela e a estación de Vigo Guixar. O proxecto inclúe a renovación da estación de Redondela e a creación dun novo apeadeiro en Chapela cunha plataforma de 220 metros, próximo a un aparcadoiro e a unha pasarela peonil sobre as vías. A parroquia de Chapela contará así cunha parada ferroviaria para o tren Rexional que parte desde Vigo-Guixar e que mellorará a mobilidade entre Vigo e Redondela. Na actual estación de Redondela construirase unha nova plataforma central, ampliarase a súa lonxitude e aumentará a altura do resto, conectando todos cun novo paso inferior. Isto completará as actuacións que se atopan en proceso de contratación para reforzar a accesibilidade da estación.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, valora dun xeito moi positivo este anuncio “que mellora a conexión entre o noso municipio e a cidade de Vigo e devolve a Chapela o apeadeiro que a veciñanza levaba tantos anos solicitando”.

Por outra banda en Vigo-Guixar instalaranse novos desvíos (aparellos para que os trens pasen dunha vía a outra), así como a prolongación da plataforma na cabeceira das vías para facer posible a chegada e saída de trens de máis de 600 metros. As actuacións completaranse co reforzo do túnel en Vigo (de 1 quilómetro de lonxitude) que van desde o reforzo da súa impermeabilización, o revestimento e drenaxe, á adaptación da súa gálibo á futura nova electrificación; así como melloras en terrapléns, desmontes, drenaxes e outras infraestruturas. Tamén se investirá en seguridade, con novos programas máis modernos como o sistema Asfa dixital (dispositivo que xestiona a distancia sinales dun tramo ferroviario), a instalación doutro sistema que detecta a presenza doutro convoi no tramo e integraranse no control de tráfico centralizado (CTC).

Compartir