Concello de Redondela

Un milleiro de escolares coñecen a Rosalía de Castro co contacontos “Historias soñadas”

– O espectáculo de Trécola Teatro está creado a partir dos textos e vida de Rosalía de Castro e combina o teatro coa música e a poesía. A actividade enmárcase na campaña “Unha semaniña enteira” para promover o uso do galego  entre a rapazada e percorrerá dez centros de ensino do municipio.
– A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, achegáronse onte ao CEIP Outeiro das Penas de Cesantes, onde se celebrou a representación. A rexedora animou aos nenos e nenas a falar galego “na escola, na casa, coas amizades e en todas as actividades que fagan no seu día a día”.

Dentro da programación da campaña “Unha semaniña enteira” o Concello de Redondela está a levar ás escolas de Infantil e Primaria o contacontos “Historias Soñadas”. O espectáculo de Trécola Teatro está creado a partir dos textos e vida de Rosalía de Castro, e combina teatro, música e poesía. A través do xogo, a maxia e as cancións, nenos e nenas poden coñecer a obra da insigne escritora na semana na que celebramos o Día de Rosalía, que se conmemora o 23 de febreiro. Máis dun milleiro de nenos de nenas dos centros de ensino público de Redondela están a disfrutar esta semana destas actuacións que promove o Servizo de Normalización Lingüística do Concello.

A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, achegáronse onte ao CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes, onde se celebrou a representación. A rexedora lembroulle á rapazada que esta actividade enmárcase dentro da programa “Unha semaniña enteira”, cuxo obxectivo é fomentar o uso do galego entre a mocidade e a infancia. Rivas animou aos nenos e nenas a falar galego “na escola, na casa, coas amizades e en todas as actividades que fagan no seu día a día”.

A campaña “Unha semaniña enteira”, é unha iniciativa impulsada polos institutos de Redondela á cal se suman máis sectores sociais e o Concello de Redondela. Este reto promove o uso do galego oral durante as 24 horas dos sete días da semana, do 17 ao 23 de febreiro. Desde o Concello implicouse a distintos sectores e asociacións, centros de ensino, bibliotecas, clubs deportivos, comercio, etc.

O día 28 de febreiro, no auditorio do Piñeiral do Crego, a Escola de Música de Chapela e a coral Piñeiral do Crego ofrecerán un concerto co repertorio galego.

 

Compartir