– O Concello de Redondela traballa na compra do inmoble coñecido como Villa Elisa, un inmoble de 1909. O obxectivo do goberno local é trasladar a este emblemático edificio a Biblioteca Municipal e as salas de estudo, ademais de habilitar no seu xardín un espazo verde de uso público.
– A adquisición de Villa Elisa para uso público completaría a transformación desta céntrica zona da vila onde xa está proxectada a renovación da praza da Petanca. Trátase dun espazo de 2.300 m2 onde o Concello creará un espazo cultural e de lecer cunha nova praza, un auditorio ao aire libre e un ascensor urbano para salvar o gran desnivel entre Ernestina Otero e a Subida á Estación.
O Concello de Redondela traballa na compra do inmoble coñecido como Villa Elisa, na rúa Ernestina Otero, casa de estilo indiano que é un referente do patrimonio arquitectónico do municipio. O obxectivo do goberno local é trasladar a este emblemático edificio a Biblioteca Municipal e as salas de estudo, ademais de habilitar no seu xardín un espazo verde de uso público. A alcaldesa, Digna Rivas, advirte que a Biblioteca Municipal, no Multiúsos da Xunqueira, leva tempo sufrindo limitacións “e non cumpre coas necesidades das persoas usuarias”. Os ruídos das actividades culturais e a falta de espazo son algúns dos inconvenientes. O obxectivo do Concello é trasladar a biblioteca a este edificio senlleiro “cun proxecto pensado desde o respecto ao patrimonio e a funcionalidade moderna”. Rivas sinala que este edificio, construído en 1909, “forma parte da historia da vila e leva anos agardando por un destino á súa altura”. Que pase a formar parte do patrimonio municipal “será beneficioso para toda a cidadanía, xa que sería de uso público, cun uso cultural e social”. A adquisición de Villa Elisa permitiría tamén “gañar un espazo verde anexo, aberto ao público, que será un lugar de convivencia, lecer e tranquilidade no corazón da vila”, explica a alcaldesa. O Concello ten liquidez para mercar o inmoble grazas ao remanente líquido de tesourería para gastos correntes de 2024, «só precisamos o apoio do resto de grupos da corporación para facer realidade este proxecto, tan importante para a cidadanía de Redondela», sinala Rivas.
O asunto levarase ao próximo pleno ordinario de setembro. O goberno local confía en obter o apoio do resto de grupos políticos da corporación para realizar esta adquisición, que será beneficiosa “para a cultura, a educación, a cohesión social e o patrimonio de Redondela”.
Unha casa con moita historia
Villa Elisa é unha das casas de estilo indiano máis importantes de Redondela. Foi construída en 1909 por Avelino Giráldez Pazó, emigrante redondelán en Arxentina, quen lle encargou o proxecto ao arquitecto vigués Manuel Felipe Quintana. O mestre canteiro das obras foi Manuel Ruibal Solla, responsable da Casa do Concello do Porriño. O inmoble de tres andares, que conta con 235 m2 por planta, está situada no centro de Redondela, na rúa Ernestina Otero, no que era “o ensanche da vila” . Posúe un miradoiro acristalado e unha terraza protexida cunha varanda ornamental. O terreo da casa conta cun xardín organizado en socalcos de 890 m2 con árbores e plantas ornamentais, entre eles un magnolio de gran porte e unha palmeira de abano mexicana. Avelino Giráldez Pazó procedía dunha familia de orixe porriñés, aínda que naceu en Redondela. Casou con Demetria Fernández López, filla do propietario da afamada finca da Carambola, na parroquia de Reboreda. Emigrado a Arxentina, de volta a Redondela foi alcalde da vila entre 1902 e 1908, e tamén entre 1910 e 1911. En 1927 foi presidente da Unión Patriótica de Redondela.
Nova praza da Petanca, auditorio ao aire libre e ascensor urbano
A transformación de Villa Elisa para uso público súmase ao proxecto de renovación da praza da Petanca, que se atopa enfronte, zona coñecida como Ponte da Lima. O Concello de Redondela, a través do Plan Extra da Deputación, vai transformar esta contorna de case 2.300 metros cadrados no centro da vila. Neste lugar, que agora se limita a zona de paso, acollerá unha nova área cultural e de lecer ao aire libre. Esta actuación ofrecerá un novo espazo público e mellorará a mobilidade e accesibilidade na zona coa instalación dun ascensor para salvar o gran desnivel entre avenida Ernestina Otero e a rúa Subida á Estación. Nesta parte alta hai un centro de día, unha escola infantil e un centro de fisioterapia, ademais de moitas vivendas. A alcaldesa explica que “agora é moi complicado acceder a pé a esta zona desde o centro da vila, porque a pendente é moi elevada”. A dificultade é maior aínda para persoas con mobilidade reducida e as familias que deben levar nenos pequenos en carros, “e o novo ascensor porá fin a estes problemas”. O edificio da Granxa de Lima, tamén coñecida como Casa de don Pancho, foi adquirida por Zona Franca en 2024 e vai crear nel un viveiro de empresas.