Ano das Mulleres de San Simon

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela aprobou, no Pleno do día 27 de febreiro de 2020, declarar o Ano das Mulleres de San Simón. Unha homenaxe á rede de solidariedade, integrada por mulleres, que socorreu os presos políticos detidos na illa.

A situación de pandemia impediu celebrar os actos previstos ao longo de 2020. Por iso, o concello decidiu alongar neste 2021 a homenaxe. As actividades programadas recollen exposición fotográfica, obradoiros escolares ou unha homenaxe pública ao conxunto de mulleres solidarias.

  DESCARGAR EL PROGRAMA DA HOMENAXE

   -   VER O VÍDEO CONMEMORATIVO

HISTORIA

A illa de San Simón converteuse nun campo de concentración entre 1936 e 1943. Alí estiveron presos arredor de 6.000 homes por causas políticas. Algúns deles foron sacados para seren fusilados e os seus corpos aparecer nas cunetas.

En 1938 fondeou o buque Upo Mendi reconvertido nunha cadea boiante. Máis de medio millar de presos viviron neste barco en condicións penosas. A imaxe que ofrecía a enseada era terrible.

Neste tempo de terror existían unhas necesidades básicas. As mulleres de Redondela foron un verdadeiro punto de apoio tanto para os presos como para as súas familias. Esta solidariedade foi esencial para moitas persoas que vivían unha época tan dolorosa e durante a cal a vida pendía dun fío. As doenzas, a mala alimentación ou a falta de hixiene provocaron numerosas mortes.

As chamadas “madriñas” non foron só lavandeiras. Tamén levaban comida, remendaban roupa, conseguían mantas, trasladaban cartas, ofrecían menciñas… Pro sobre todo foron seres humanos que ofreceron o pouco que tiñan para axudar a quen máis o necesitaba.

Axudar os presos políticos en plena guerra era un xesto valente e arriscado. A represión en Redondela e arredores fora moi dura. Pero nada impediu que a solidariedade se impuxese ao medo. Realmente, as mulleres de San Simón foron verdadeiras heroinas en época de violencia.

Esta foi unha das realidades que viviu Redondela na posguerra. As lembranzas quedaron vivas en moitas familias. Algunhas gardan, coma tesouros, agasallos feitos polos propios presos como forma de agradecemento. Houbo presos e madriñas que, tras saír da cadea, se casaron. Algúns, chegados dende outros puntos da península, decidiron residir en Redondela. Porque en cada persoa hai unha historia detrás. E aquí contamos só un retallo da vida, valentía e heroicidade das mulleres de San Simón.

 

Nesta imaxe Peregrina López Ochoa "Gina a Baldiña". (prohibida a difusión ou utilización desta imaxe, cedida pola familia exclusivamente para este proxecto do Concello de Redondela).

A NENA QUE FOI CARTEIRA


A solidariedade non coñece idades. Unhas veces eran mulleres de idade avanzada que puñan o seu alento para realizar calquera tarefa posible. Outras eran mozas que cheas de valor decidiron poñerse do lado das persoas represaliadas botando un cabo alí onde fose necesario. A solidariedade foi grande e atravesou a vila de Redondela. Porque nas circunstancias máis dramáticas tamén xorden verdadeiras heroínas.

Dentro da recompilación de testemuños de familiares das Mulleres da Illa de San Simón, que fomos acumulando grazas á colaboración de persoas e colectivos (por exemplo, o Seminario de Estudos Redondeláns, Obradoiro de Estudos Fernando Monroy ou o Colectivo Republicano), encontramos unha emotiva historia. Trátase dunha nena que por aqueles anos rondaba os 10 anos. O seu nome é Carmen Asorey, "Mucha a da Praia".

Conforme ao relato oral que nos trasladaron, Mucha acompañaba ao seu pai José Asorey á illa de San Simón cando esta era un campo de concentración, ateigado de presos políticos que defederon a legalidade republicana e os valores democráticos. As condicións de vida, sobre todo de hixiene e alimenticias, era realmente duras. Hai quen morreron por culpa de doenzas curables. Por iso era importante o lavado da roupa, a hixiene corporal ou que trouxesen comida en máis cantidade e en mellor estado, en comparación co rancho que alí recibían. Ademais disto había outras accións que por aparentemente insignificantes, tiñan moito valor emocional e humano.

Un casos, como dicimos, foi Mucha a da Praia. Porque aquela cativa que descubría cos seus ollos de nena un mundo negro, de tristeza, dor e represión, decidiu de maneira inocente pro tamén como resposta a un impulso solidario colaborar cos presos. Era un xesto sinxelo, pero de ser descuberta correiría un certo perigo, sobre todo o seu pai. A familia de Mucha conta que aquela nena recollía ás agochadas as cartas dos presos que despois, xa en terra, se encargaba de repartir con axuda doutras mulleres. Ela recollía e tamén levaba cartas onde se narraban as necesidades que padecían os presos políticos, as saudades e medos de quen non sabían que fortuna ían ter nos vindeiros dias ou simplemente para que a familia soubese que aínda estaban vivos. O medo foi terrible. E aquel xesto dunha rapariga contiña unha importante repercusión no corazón daqueles homes.

Nesta imaxe Carmen Asorey "Mucha". (prohibida a difusión ou utilización desta imaxe, cedida pola familia exclusivamente para este proxecto do Concello de Redondela).

Esta historia da Mucha, coma tantas outras que nos van chegando grazas á colaboración de moitas persoas e asociacións, compoñen a memoria viva de Redondela. Unha memoria que agora, dende o Concello de Redondela, queremos homenaxear e dar a coñecer. Porque sobre este valores debemos educar ás nosas crianzas.

 

SELO INSTITUCIONAL

 


O concello aprobou un selo institucional de homenaxe ás mulleres de San Simón. Este logo irá impreso en toda a documentación externa que emita esta Administración municipal. Un detalle que colabore na difusión e coñecemento das mulleres solidarias.