Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela contará por primeira vez con 2 recoñecementos especiais en Fitur

Concello de Redondela
17-01-2023
0
Redondela contará por primeira vez con 2 recoñecementos especiais en Fitur

Redondela formará parte de Fitur por primeira vez na historia do municipio con 2 recoñecementos especiais, ademais da distinción dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. O stand institucional de Galicia mostrará presentacións individuais en recoñecemento ao valor patrimonial da Batalla de Rande e o Cemiterio máis bonito de España, concedido ó Cemiterio dos Eidos. Redondela participará en Fitur por primeira vez na historia do municipio con 2 recoñecementos especiais, ademais da participación dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. O stand institucional de Galicia disporá dun mostrador especificamente dedicado á Q de CALIDADE TURÍSTICA, onde Redondela estará representada a través da Batalla de Rande que acaba de recibir recentemente esta distinción por parte do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE); Ademais contará co recoñecemento Premio Eidos-Redondela: el Cementerio más bonito de España, cunha presentación individual dentro dos recoñecementos especiais de Turismo Galicia.

A Presentación de RECOÑECEMENTOS ESPECIAIS que realizará Turismo de Galicia será o xoves 19 de xaneiro, ás 14.30h. Nesta estarán presentes a alcaldesa, Digna Rivas, xunto coa Concelleira de Turismo, María Castro.

Fitur é a primeira cita anual para os líderes da industria do turismo, un punto de encontro global para os profesionais e a feira líder dos mercados receptivos e emisores de Iberoamérica. Redondela está presente dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentando a súa proposta “Degusta” centrada na gastronomía e na que non falta o Choco de Redondela. Na edición anterior a alcaldesa, Digna Rivas, mantivo contactos con profesionais do sector, así como coa ministra de Turismo, Reyes Maroto, e o secretario de Estado para o Turismo, Fernando Valdés para dar a coñecer a oferta cultural e patrimonial.

“Este ano ademais de presentar a Redondela dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, estou moi orgullosa de poder dicir que levamos dous recoñecementos especiais por pimeira vez na historia do municipio. Todos estes anos de traballo tiveron o seu froito, pois os profesionais e representantes institucionais da industria turística valoran a cantidade e calidade da nosa oferta”, explica Rivas.

Tras a maior crise xerada pola pandemia, Fitur será o escenario que confirme a recuperación/aproximación das cifras de 2019. Algo do que o Concello de Redondela está singularmente satisfeito, pois segundo apunta Digna Rivas “Redondela non só recuperou os datos previos a pandemia senón que os mellorou superando as cifras de visitantes nun 30% respecto ao 2018. Segundo datos da oficina de turismo, acadamos os mellores resultados dos últimos 5 anos. As tendencias turísticas e as demandas do público variaron nos últimos tempos”, asegurou a alcaldesa quen incidiu sobre o feito de que un gran número de persoas “relegan a un segundo plano o tradicional turismo de sol e praias e decántanse polo turismo natural ou polo descubrimento dun turismo patrimonial e histórico no que Redondela ten moito que ofrecer”.

 


DENTRO DO ESPAZO XEODESTINO RÍA DE VIGO E BAIXO MIÑO

Redondela presenta dentro do stand de Turismo Galicia todas as súas propostas turísticas como:

A Festa da Coca, declarada de Interese Turístico de Galicia, coa espectaculares Danza das Espadas e Danza das Penlas.
A excelencia gastronómica da Festa do Choco que, ano tras ano, pon en valor uno choco autóctono da enseada de San Simón.
O Festival Internacional de Monicreques, de recoñecido prestixio dentro e fora das nosas fronteiras.
O Festival ArteLixo, que cada ano conta cunha maior sona, o Festival de Artistas de Rúa.
Os tradicionais Maios ou a Festa dos Fachos, unha boa mostra do que Redondela oferta en cultura, gastronomía, arte e tradición.
A estes atractivos innegables, sumábase abundante información sobre a potencialidade do municipio redondelán en patrimonio artístico e cultural, aspecto no que o Goberno local traballa arreo para a súa rehabilitación e posta en valor. Cemiterio de Eidos, Fonte de Santiago ou Fonte da Raíña, todos eles recentemente recuperados, son tan só unha pequena mostra dos numerosos atractivos cos que conta Redondela neste campo.

Doutra banda, a cultura castrexa co castro de Negros como elementos destacado , os petróglifos da área de Monte Penide ou do Charco da Lagoa en Trasmañó, únense ao Centro de Interpretación da Batalla e Patrimonio de Rande á hora de achegar ás e aos visitantes, fragmentos da historia de Redondela da importancia que o municipio tivo ao longo dos tempos.

Espertou un grande interese entre as e os profesionais turísticos, o feito de que Redondela fose punto de confluencia do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola Cousas (este último o que maior crecemento ten de todos os roteiros xacobeos) o que supón un fluxo constante de persoas.

Nese sentido, Digna Rivas lembrou o traballo que se está desenvolvendo desde a Concellería de Turismo para que as e os peregrinos que percorren o roteiro xacobeo “non só pasen por Redondela, senón que se deteñan no municipio, pernoiten e teñan a oportunidade de coñecer máis a fondo non so a nosa riqueza cultural, artística e patrimonial, senón a hospitalidade das nosas xentes”.

Na imaxe Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, con Reyes Maroto, Ministra de Turismo.