Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O alumnado do CEIP Alexándre Bóveda de Angorén, Chapela, comparte coa alcaldesa as actividades que realiza con motivo do Día de Rosalía

Concello de Redondela
23-02-2022
0
O alumnado do CEIP Alexándre Bóveda de Angorén, Chapela, comparte coa alcaldesa as actividades que realiza con motivo do Día de Rosalía

Digna Rivas, que mantivo unha reunión co Servizo de Normalización Lingüística do centro de cara a coordinar as actividades programadas polo concello, falou cos nenos e nenas e destacou “o seu entusiasmo, ilusión e creatividade” polas iniciativas a desenvolver

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou na mañá de hoxe a instalacións do CEIP Alexándre Bóveda en Angorén, Chapela, onde se están a desenvolver diversas actividades promovidas polo Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística, para conmemorar o Día de Rosalía.

Logo dunha reunión do departamento de normalización lingüística do centro, a rexedora local visitou o centro escolar onde compartiu un tempo cos alumnos e alumnas que amosaron á alcaldesa os traballos realizados para conmemorar esta data significativa para as letras galegas.

Así, os máis pequenos ensinaron, con orgullo, o traballo realizado con retratos de Rosalía de Castro colocados nun mural e das camelias realizadas nas actividades de manualidades coas que tamén conmemoran a xornada.

Aproveitou Digna Rivas a súa visita ao CEIP Alexándre Bóveda para coñecer de preto diversas iniciativas que desenvolve o centro, como é o caso da horta escolar, unha actividade que, tal e como puntualizou a alcaldesa, “está demostrado que serve para potenciar o traballo en equipo, fomenta o coidado do medio ambiente e contribúe a inculcar hábitos de alimentación sa e saudable”.

Finalmente, a alcaldesa de Redondela aproveitou a súa escancia no colexio para visitar o comedor escolar adobiado cos manteis Caldo de Gloria, que lembran o poema 'Miña casiña, meu lar' de Follas novas e que foron doados ao Concello pola Deputación de Pontevedra para a súa distribución nos centros escolares do municipio.

Digna Rivas subliñou “o entusiasmo, ilusión e creatividade” que nos nenos e nenas estaban a amosar nesta iniciativa e o “interese espertado pola figura de Rosalía de Castro”. Nese sentido, a rexedora redondelá recalcou a importancia que ten “a difusión da figura de Rosalía entre os e as máis pequenas de cara a manter vivas as nosas letras e a nosa cultura a través das mulleres e homes que as fixeron grandes”.

As actividades continuarán nos colexios durante estas vindeiras datas de cara a dar continuidade á unha xornada que hoxe, 23 de febreiro ás 18 horas, ten o seu acto institucional na Alameda Rosalía de Castro de Chapela, onde terá lugar unha ofrenda floral no monumento que lembra a ilustre poetisa e novelista que, xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez, é unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento Galego.