Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela consegue o compromiso do Ministerio de incluír na reposición de viais da AP9 “reivindicacións irrenunciables para Chapela”

Concello de Redondela
30-03-2021
0
Redondela consegue o compromiso do Ministerio de incluír na reposición de viais da AP9 “reivindicacións irrenunciables para Chapela”

Na reunión telemática mantida co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Digna Rivas lembrou “a débeda histórica que se ten con Chapela

“As alegacións presentadas pola veciñanza e colectivos de Chapela ao proxecto de reposición de viais da AP9, son irrenunciables e o Concello loitará para que a débeda que o Ministerio ten con Chapela sexa resarcida”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas durante a reunión telemática mantida con Sergio Vázquez Torrón, secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Na xuntanza, na que tamén estiveron presentes o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar; a concelleira de Urbanismo, María Castro Abad, e asesores e técnicos do Ministerio, o Concello de Redondela puxo sobre a mesa todos os temas tratados anteriormente en materia de reposición de viais, con especial incidencia nas alegacións que, non estando recollidas no actual proxecto, o Goberno redondelán cualifica de “irrenunciables tanto por parte da veciñanza e colectivos de Chapela, como por este equipo de Goberno” e para as que acadou o compromiso da súa inclusión por parte do Ministerio.

Entre eses temas cualificados como “irrenunciables” pola está a necesidade de arranxar a Ponte de Trasmañó no que fai referencia a súa accesibilidade cara a N-552 de xeito que mellore as súas condicións de seguridade e de comodidade.

Digna Rivas e Roberto Villar explicaron que, en referencia ao camiño Mouriño, “era innegociable un arranxo que non contemplara a totalidade do vial” e aseguraron que “era inaceptable a reparación só da metade do mesmo”. Na mesma liña, tanto a alcaldesa como o concelleiro subliñaron a importancia de incluír a mellora do camiño do Piñeiral.

No decurso da reunión, os representantes do Goberno local de Redondela insistiron na necesidade de “resarcir a Chapela, dunha vez por todas, de todos os prexuízos a AP9 ocasiona á parroquia e aos seus habitantes” polo que tamén se puxeron sobre a mesa “temas de gran calado” como la redacción do proxecto da Avenida de Redondela “unha obra que contribuirán a mellorar Chapela e a calidade de vida da súa veciñanza e coa que se paga unha débeda histórica coa parroquia”.

Todos estes temas foron explicados, polo miúdo na mañá de hoxe xoves, tanto á Asociación de Afectados pola AP9 como á Asociación de Veciños de Chapela co fin de que “ámbolos dous colectivos teñan información puntual sobre un tema que lles afecta directamente”.

Digna Rivas sinalou que, tal e como se acordara hai tempo con estes colectivos, en breve convocarase a Comisión de Seguimento. “Non tería sentido tela convocado sen antes contar co compromiso firme por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nos temas tratados”, afirma a alcaldesa xa que de telo feito antes, engade, “sería unha xuntanza da Comisión totalmente baleira de contidos. Agora, tras a reunión de onte co secretario xeral de Infraestruturas, podemos facer que as cousas avancen con compromisos firmes sobre os que traballar nos temas propostos”, conclúe a rexedora local.