Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Teatro Ó Cubo, primeros artistas residentes no Multiusos da Xunqueira

Concellaría de Cultura
16-07-2020
0
Teatro Ó Cubo, primeros artistas residentes no Multiusos da Xunqueira

A Concellaría de Cultura do Concello de Redondela desfruta, por vez primeira na súa Historia, da compañía "Teatro Ó Cubo" coma artista residente no Multiusos da Xunqueira.

Este concepto novedoso consiste nunha relación simbiótica entre un grupo de artistas e a Concellaría de Cultura: Un grupo artístico necesita acceder a un auditorio onde poder dar as últimas pinceladas e ensaios xerais dunha obra aínda non estreada. A Concellaría de Cultura busca unhas datas nas que o Auditorio municipal teña a súa axenda baleira e deixalle ó grupo facer uso, de xeito gratuito, da instalación municipal para ultimar a función. A cambio disto, o grupo comprométese a realizar nun futuro unha actuación desa mesma función para o Concello de Redondela, de xeito gratuito.

O Concelleiro de Cultura, D. Daniel Boullosa Martínez, salienta esta experiencia coma "Unha conxunción ideal onde ambas partes saímos beneficiadas: o grupo, porque pode ensaiar de xeito completo nunhas instalacións de xeito gratuito; e nós, porque potenciamos a cultura dun xeito activo; hai que darse conta que para o Concello de Redondela non supón case ningún gasto extra o uso desta instalación municipal. Deste xeito apoiamos e desfrutamos das distintas iniciativas culturais locais".

Dende a Concellaría de Cultura de Redondela agardan que este tipo de colaboracións se repitan tantas veces coma sexa posible, e emprazan a aqueles grupos ou artistas individuais que se atopen na mesma situación, a contactar coa propia Concellaría de Cultura (cultura@redondela.gal ou no tlfno 986400300) para poder establecer a súa residencia artística en Redondela.

COMPAÑÍA TEATRO Ó CUBO

Teatro ó cubo

Para esta primeira ocasión, será a compañía "Teatro ó Cubo" o que inaugura a experiencia d@s artistas residentes.

Teatro ó cubo é unha compañía de artes escénicas formada por Sofía Espiñeira e Roberto Casal. A súa formación afonda en diversas disciplinas escénicas. Co teatro como eixo común pasando pola danza, o circo, os monicreques e a música, estes dous artistas conforman unha compañía orixinal e sorprendente na que combinan múltiples disciplinas. Dende 2016 levan producindo pezas teatrais para o público infantil e familiar. José luís Baños de Cos escribe a súa ópera prima O Faiado que Sofía, Roberto e Alfredo Pérez Muiño “Fredi” traducen ó teatro baixo a dirección de Pablo Sánchez “Pablísimo”. No verán de 2018 estrean e xiran cunha segunda creación, Ghop!, un espectáculo de teatro cómico de rúa dirixido por Alfredo Pérez Muíño “Fredi”, co mago Noel Fandiño como parte do elenco. A través de outras creacións máis recentes como Nube nube sol, Teatro ó Cubo, diríxese a outros públicos como a primeira infancia e as súas familias. Na actualidade traballa na súa nova montaxe Ningures. (fonte: Urdime, propostas culturais).

teatro ö Cubo

Un dos seus integrantes, Roberto Casal, é veciño de Redondela e coma tal está inscrito no Rexistro municipal de Artistas de Redondela (ver enlace).

A compañía xa contactara coa Concellaría de cultura en novembro e xa quedara para realizar esta colaboración no mes de marzo. Sen embargo, coa chegada do estado de alarma por causa do COVID-19, o ensaio xeral e a preparación do espectáculo tíveronse que paralizar. Pasado o confinamento, e no momento en que as condicións de seguridade permitiron abrir o Multiusos, o acordo retomouse. A compañía "Teatro ó Cubo" estará rematando a preparación da súa función dende o 13 ata o 19 de Xullo do 2020.

Establecéronse pois no Multiusos de Redondela o pasado Luns e levan dende entón traballando sen parar, preparando as luces, o son e a escenografía. Ideando as últimas pinceladas da súa próxima obra "Nigures". Unha función destinada ó público familiar, aconsellada para persoas dende 6 ata 110 anos (ou máis). Os seus ensaios comezaron o día 13 de Xullo e rematarán o 19 deste mesmo mes.