Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela participa na Asamblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación

Concello de Redondela
07-04-2022
0
O Concello de Redondela participa na Asamblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación

Xunto con deputacións e concellos socios, Redondela participa na aprobación dun plan anual centrado na cooperación internacional, a Axenda 2030 e o cambio climático

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021. Os proxectos de cooperación internacional, a “localización” da Axenda 2030 e a loita contra o cambio climático centran o Plan de Actividades 2022 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que conmemora este ano o seu 25º aniversario. Representantes das deputacións e concellos socios aprobaron por unanimidade todos os puntos da orde do día na Asemblea Xeral celebrada esta mañá na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, coincidindo co Día Mundial da Saúde.

A concelleira Olga Mª García, edil de Xuventude, Ensino e Participación Cidadá, asistiu á xuntanza en representación do concello de Redondela.

O encontro, que retomaba a presencialidade despois de máis de dous anos. Nel se chegou ao acordo de seguir impulsando os proxectos de cooperación ao desenvolvemento na África lusófona, tal é o caso do apoio á Rexión de Cacheu, en Guinea-Bissau, para facilitar o subministro de auga, ou o traballo a prol dos dereitos da infancia coa Fundação Encontro en Mozambique. En canto á axuda humanitaria e de emerxencia, en Mozambique actuarase tamén para paliar os efectos dos últimos ciclóns e nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís estase a reforzar o sistema de recollida de residuos co cofinanciamento de Nigrán e da Mancomunidade do Val Miñor.

Así mesmo, nestes intres permanece aberto o prazo para que traballadoras e traballadores da administración local participen no novo programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar, cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, que oferta tres prazas para colaborar cos proxectos implementados en Mozambique nas áreas de arquitectura, igualdade e acción social.

No eido da sensibilización, cómpre salientar as actividades incluídas no convenio coa Xunta de Galicia, como son a elaboración de plans para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en sete municipios, o curso online sobre localización da Axenda 2030 ou o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, apoiado tamén pola AECID, que se celebrará no mes de xullo en Cabo Verde coa participación de diversos países de lingua oficial portuguesa.

Unha ducia de municipios acollerán ademais as actividades programadas coas ONGD Agareso, Solidariedade Internacional de Galicia, Amigos da Terra e Fundación Vicente Ferrer. E ademáis, seguen en marcha as accións do proxecto europeo People & Planet, encamiñadas a concienciar a mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. Consellos Climáticos Xuvenís, obradoiros de cociña, debuxo urbano, performance, comunicación de guerrilla ou arte urbana son algunhas das metodoloxías que se empregarán nos concellos socios do Fondo Galego. A isto súmase a campaña Water of the future, lanzada con motivo do Día Mundial da Auga para promover a protección deste recurso.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.  

O Concello de Redondela é membro do Fondo Galego de Cooperación dende 1997, unha membresía que lle permite ao concello formar parte da cooperación decentralizada, apoiando ao fortalecemento institucional e a aprendizaxe mutua con outras entidades locales do Sur.