Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

En marcha a Axenda Urbana para a transformación de Redondela

Concello de Redondela
15-02-2024
0
En marcha a Axenda Urbana para a transformación de Redondela

O goberno local de Redondela prepara, xunto cun equipo técnico de ampla experiencia, a súa Axenda Urbana, un informe que lle permitirá optar ás axudas dos fondos europeos nos próximos anos. Esta Axenda Urbana de Redondela será “a folla de ruta” para as melloras necesarias no municipio nos próximos anos. O documento recollerá unha serie de actuacións en diferentes ámbitos estratéxicos para facer posible que eses proxectos sexan incluídos nas axudas europeas que se convoquen no futuro.

A Axenda Urbana vai marcar a folla de ruta en moitos ámbitos municipais diferentes, como a humanización das rúas, a posta en marcha de sistemas de iluminación eficiente, plans de aforro enerxético ou a rehabilitación do patrimonio. No eido da economía e o emprego traballarase en campañas de dinamización do comercio local e a formación nas novas tecnoloxías, entre outras cuestións. Tamén se abordarán as necesidades de Redondela en materia medioambiental, nas prestacións dos servizos sociais, atención á cidadanía, plans de igualdade, etc.

Para a redacción do Plan de Acción da Axenda Urbana está a elaborarase un diagnóstico previo da situación do municipio, das necesidades que existen e os ámbitos de mellora. A partir desta análise e tamén dos datos recollidos no proceso de participación cidadá, elaboraranse as liñas estratéxicas que servirán de base para definir as actuacións que van ser recollidas no Plan de Acción. O papel da veciñanza será fundamental, xa que o goberno local reunirase coas asociacións veciñais para recoller as súas suxestións e demandas. A alcaldesa, Diga Rivas, sinalou que "a elaboración da Axenda Urbana é un traballo fundamental que estamos a facer desde o goberno local para mellorar servizos e infraestruturas de Redondela que beneficiarán a todos os veciños e veciñas”.

Así pois, a Axenda Urbana Local configúrase como un documento estratéxico que ten que marcar a estratexia e as accións para facer de Redondela e as súas parroquias uns espazos de convivencia máis amables, saudables e seguros. Elaborado pola empresa de consultoría Khora Urban Thinkers, adxudicataria da licitación, a Axenda Urbana será un documento de planificación territorial que, de forma sintética e con enfoque transversal, recollerá os grandes proxectos estratéxicos a implementar na localidade durante os próximos anos. O informe servirá para preparar a candidatura ás axudas de fondos europeos para proxectos de investimento relativos a desenvolvemento urbano sustentable no municipio.