Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Axuda do Goberno central ás políticas de Igualdade do Concello de Redondela

Concello de Redondela
22-08-2022
0
Axuda do Goberno central ás políticas de Igualdade do Concello de Redondela

A alcaldesa Digna Rivas adianta que esta axuda “permitirá que poñamos en marcha, entre outros, un programa de contratación de mulleres vítimas de violencia machista para o que a Xunta leva tres anos denegándonos a subvención”

O Concello de Redondela vén de recibir o apoio do Goberno do Estado as súas políticas de igualdade coa concesión dunha axuda de 64 842,93 € para o desenvolvemento de iniciativas tendentes a afondar na igualdade e para a erradicación da violencia machista en todas as súas formas. “É a maior subvención que o Concello de Redondela recibe en toda a súa historia e vén da man dun Goberno socialista que, fronte a ambigüidade dos seus antecesores, aposta decididamente polas medidas que permitan a igualdade real entre homes e mulleres”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas, que quixo tamén felicitar á concelleira Iria Vilaboa “polo traballo que está a realizar ao fronte da Concellería de Igualdade.

Nunca antes outro Goberno acadara o compromiso para que nos Orzamentos Xerais do Estado se destinasen, vía transferencia aos concellos, “un incremento anual de 20 millóns de euros durante os vindeiros cinco exercicios”, apunta.

Para a alcaldesa, a concesión desta axuda –da Secretaría de Estado de Igualdad y contra la violencia de Género e publicada no BOE de 2 de agosto do 2022– non é máis que “o recoñecemento ao traballo que este Goberno, dende a súa chegada ao Concello, vén desenvolvendo neste eido”. O feito de que sexa a contía máis grande xamais recibida, “danos forzas para continuar desenvolvendo políticas activas, tanto de Igualdade como de erradicación contra a violencia machista”.

Digna Rivas adianta que, entre outros proxectos que se irán dando a coñecer oportunamente, “a axuda recibida polo Goberno de Sánchez permitiranos poñer en marcha un programa de contratación de mulleres vítimas da violencia machista”, un programa, lembra a alcaldesa de Redondela, “para o que a Xunta de Galicia denegounos subvención durante tres anos co silencio cómplice do PP local”.

En todo caso a alcaldesa recalcou que grazas ao Goberno de España, “seremos quen de levar a cabo un proxecto que consideramos de vital importancia para as mulleres vítimas da violencia machista como é a súa inclusión no mercado laboral”. Lembra a alcaldesa que para estas mulleres “o traballo é a porta que lles permite saír do circulo da violencia”.

Recalcou a importancia de desenvolver iniciativas que, como esta, contribúan a que “as vítimas teñan acceso á independencia económica e persoal que é o xeito de romper definitivamente o vínculo co agresor e acadar a plena autonomía das súas vidas”.