Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela mantén a súa aposta pola compostaxe coa adquisición de dúas biotrituradoras portátiles de préstamo para a veciñanza

Concello de Redondela
12-11-2021
0
 Redondela mantén a súa aposta pola compostaxe coa adquisición de dúas biotrituradoras portátiles de préstamo para a veciñanza

O servizo de biotriturado de restos vexetais facilitará o acceso ao estruturante que se debe aportar ao composteiro e que, a día de hoxe, é un material deficitario. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que xestiona Alberto Álvarez, vén de adquirir dúas biotrituradoras portátiles para permitir o tratamento de restos vexetais polas veciñas e veciños que así o soliciten, independentemente de que sexan ou non participantes nos programas de compostaxe doméstica.

Con esta iniciativa, na que o Concello investirá algo máis de 2.000 euros, afóndase no programa 'Redondela Composta' que busca mellorar o sistema de compostaxe existente no municipio e incrementar a separación dos residuos sólidos urbanos na orixe.

A posta en marcha deste sistema de empréstamo de biotrituradoras portátiles permitirá que veciñas e veciños poidan triturar aqueles restos vexetais para despois ser utilizado como estruturante nos composteiros, un material que neste momentos é deficitario no municipio redondelán.

Cómpre subliñar que as persoas interesadas neste servizo, “non teñen que ser participantes nos programas de compostaxe doméstica”, explica Alberto Álvarez.

Os aparellos adquiridos –cunhas dimensións de 60x100x100 (anchura, longo e altura) contan cun motor eléctrico e unha potencia mínima de 3 HP e están dotadas con coitelas desfribriladoras e contracoitelas que permiten a corta de produtos leñosos e fibrosos. A maiores, están dotadas de martelos móbiles para a trituración final para follas e ramas (cun diámetro máximo de 5 mm) e setos. A produción aproximada é de 1 metro cúbico/hora.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia da compostaxe “á hora de contribuír á mellora da calidade medioambiental” e a redución de custes no tratamento dos residuos sólidos urbanos.

“Os beneficios –asegura a rexedora local– son moitos e diversos xa que, non contribuímos a diminuír as emisións de CO2 a atmósfera eliminando a incineración de residuos, senón que afórrase na recollida de lixo e permite que as veciñas e veciños poidan dispoñer de fertilizando natural e de calidade”