Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello demanda á Xunta unha solución “urxente” á paralización do servizo de autobús á praia de Cesantes

Concello de Redondela
21-07-2021
0
O Concello demanda á Xunta unha solución “urxente” á paralización do servizo de autobús á praia de Cesantes

A alcaldesa considera que “non é de recibo” que os desacordos entre a Xunta, a quen corresponden as competencias, e a empresa de transportes “deixen á veciñanza sen transporte en plena época estival”. O Concello de Redondela vén de esixir á Xunta de Galicia unha “solución urxente” á paralización do servizo de transporte de viaxeiros entre o casco urbano de Redondela e a praia de Cesantes, unha competencia autonómica e que, nestes momentos, non está operativo “por desacordos entre a propia Xunta de Galicia e a empresa de transporte”.

A alcaldesa Digna Rivas asegurou que “non e de recibo” que en plena época estival a veciñanza, que regularmente utiliza este servizo que une Redondela coa praia de Cesantes estea suspendido “ata que se resolvan as diferencias que manteñen as dúas partes e que, cunha mínima previsión, terían que estar previstas e resoltas antes da chegada do verán”.

Cómpre salientar que, pola súa proximidade, a praia de Cesantes é unha das máis utilizadas pola veciñanza do casco urbano e parroquias próximas polo que a suspensión do servizo de transporte, “supón un grave problema para centos de veciños e veciñas”, explica a rexedora local.