Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Campaña de celebración do 50 aniversario das bibliotecas

Concello de Redondela
02-11-2018
0
Campaña de celebración do 50 aniversario das bibliotecas

As Bibliotecas Municipais de Redondela foron seleccionadas, por oitava vez, como beneficiarias dun dos premios María Moliner de Animación á Lectura que concede anualmente o Ministerio de Cultura e Deporte.
A campaña dos citados premios celébrase a nivel nacional e está convocada polo Ministerio de Cultura, a Fundación Coca Cola e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O proxecto presentado polas bibliotecas de Redondela para este ano leva o título de "Que 50 años no son nada" e xira ao redor das actividades realizadas neste ano en que as bibliotecas do municipio cumpren 50 anos de existencia.

A Comisión de Valoración da XIX Campaña de Animación á Lectura María Moliner, convocada polo Ministerio de Cultura e Deporte, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e Fundación Banco Santander, realizou a súa selección de entre 546 proxectos de toda España. Os seleccionados recibirán un premio en metálico de 1.706 euros, financiado por Ministerio de Cultura e Deporte, que será destinado á compra de libros para as bibliotecas.

A Campaña María Moliner incentiva as actividades de promoción da lectura nas bibliotecas españolas de municipios menores de 50.000 habitantes e é un dos programas principais da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura.

O proceso de selección lévase a cabo segundo criterios como a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade, así como a orixinalidade e innovación e as actividades de integración social que conteña a proposta. Xa no seu XIX aniversario, os Premios de Animación á Lectura María Moliner contaron ao longo de todas as súas edicións con máis de 13.000 proxectos presentados e máis de 2.560 municipios participantes. Máis de tres lustros despois do nacemento desta iniciativa, a Campaña de Animación á Lectura María Moliner segue estando presente en toda España, e continúa demostrando que todas as iniciativas son válidas, independentemente do número de habitantes que teñan as localidades que as propoñen, ao tempo que poñendo en valor a grande creatividade e innovación nas actividades de fomento da lectura en pequenas localidades de toda España.


http://bibliotecasredondela.blogspot.com/2018/10/a-campana-de-celebracion-do-50.html