Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Carla Acosta representou hoxe ao grupo 'Axentes do Cambio' no Pleno do Parlamento dentro do programa 'Construíndo Cidades Amigas da Infancia en Galicia'

Concello de Redondela
16-11-2021
0
Carla Acosta representou hoxe ao grupo

Carla Acosta, alumna do IES Illa de San Simón de Redondela foi hoxe a encargada de representar ao grupo da mocidade redondelá 'Axentes do Cambio' no Pleno que esta mañá se celebrou no Parlamento de Galicia e no que mozos e mozas trasladáronlle á Xunta diversas propostas e iniciativas sobre aqueles temas de interese para a mocidade.

Con anterioridade, Carla xunto a Teresa e Xiana, participaran no pasado mes de outubro e en representación da mocidade e infancia redondelá no encontro telemático onde, xunto a nenas, nenos e adolescentes de toda a Galiza, traballaron nas propostas que hoxe lle trasladaron á Xunta de Galicia.

Nese encontro previo debateuse e reflexionouse sobre a temática medioambiental e, sobre a mesma, xurdiron as propostas hoxe presentadas.

As representantes redondelás estiveron acompañadas pola concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, que expresou a súa satisfacción “polo alto grao de compromiso das mozas e mozos de Redondela, representados hoxe por Carla, Teresa e Xiana”.

O traballo da mocidade e infancia redondelá seguirá nesta mesma semana xa que o día 18 de novembro, a partir das 11 horas, terá lugar no multiúsos da Xunqueira o Pleno da Infancia e a Adolescencia de Redondela na que mozos e mozas porán sobre a mesa aqueles temas que consideran de importancia para o colectivo da infancia e a mocidade para, posteriormente, ser trasladados ao Concello de Redondela.

Digna Rivas lembrou que a intención do Goberno local, dende a súa chegada ao Concello, “foi que os Plenos da Infancia e a Adolescencia foran útiles e non un simple xesto carente de contido”. As mozas e mozos, explica a alcaldesa, “achegan tema, debaten, chegan a acordos e eses temas son posteriormente levados ao Concello para, chegado o momento, levalos á práctica contribuíndo a dar resposta ás necesidades que ten a nosa mocidade”.