Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela dedica o 2021 ás Mulleres de San Simón, para poñer en valor “a súa calidade humana e solidariedade” cos represaliados presos na illa

Concello de Redondela
09-04-2021
0
O Concello de Redondela dedica o 2021 ás Mulleres de San Simón, para poñer en valor “a súa calidade humana e solidariedade” cos represaliados presos na illa

Dentro das actividades previstas o venres, ás 19 horas, se presentará o libro 'A lavandeira de San Simón' de Eva Mejuto

O vindeiro vernes, 9 de abril ás 19 horas, o auditorio do Multiúsos da Xunqueira acollerá a presentación do libro A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto, nun acto que forma parte dun amplo calendario de iniciativas organizadas polo Concello de Redondela, a través do Servizo de Normalización Lingüística co obxecto de poñer en valor á figura das Mulleres de San Simón.

O Concello de Redondela quere desta forma, render unha homenaxe a todas as mulleres que nos negros tempos, tanto da posguerra como da Guerra Civil, foron quen de axudar e atender aos represaliados prisioneiros na illa de San Simón. “Mulleres de Redondela, Cesantes, Cedeira, Reboreda e Ventosela que, poñéndose en risco e enfrontándose aos impedimentos da ditadura franquista, foron quen de achegar axuda e esperanza a aqueles que esperaban un incerto destino na illa convertida en prisión”, sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Trátase, segundo a rexedora redondelá e concelleira de Normalización Lingüística, “de amosar non só á veciñanza de redondela, senón a toda Galicia, o valor destas mulleres que é o reflexo do valor que amosaron as e os redondeláns en todos os tempos escuros da historia”.

Toda a serie de iniciativas programadas, buscan tamén que as novas xeracións coñezan a historia das Mulleres da Illa “e que o seu valor, a súa capacidade de axudar aos que máis o precisan e a súa solidariedade, lles sirvan de guía”, apuntou Rivas.

A este primeiro acto de presentación de A lavandeira de San Simón, seguirán, nestes mesmo mes de abril, outras actividades relacionadas coas Mulleres da Illa como a exposición que se inaugurará o 23 de abril ás 12:30 horas, na Alameda Castelao.

A mostra, unha vez finalizado o seu tempo na alameda redondelá e ao igual que acontece con Conquistadoras –actualmente instalada no paseo marítimo de Chapela– tomará o formato de itinerante e percorrerá as parroquias do municipio.

No programa do Ano das Mulleres de San Simón, inclúense actividades que teñen como protagonistas ás e aos escolares redondeláns como poden ser charlas e obradoiros con Eva Mejuto para poñer en valor, entre as e os máis novos, a figura destas mulleres redondelás.

(Fotografía: Pelu Vidal)