Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Asinado o convenio de colaboración que permitirá acondicionar o pavillón de Chapela cunha achega de 40.000 euros da Xunta

Xunta de Galicia e Concello de Redondela
27-08-2019
0
Asinado o convenio de colaboración que permitirá acondicionar o pavillón de Chapela cunha achega de 40.000 euros da Xunta

As actuacións centraranse na nova distribución zona ximnasio, acondicionamento de espazos, instalación de falso teito e pintado. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe o Concello de Redondela onde asinou coa alcaldesa, Digna Rivas, o convenio de colaboración entre as dúas administracións para o acondicionamento do pavillón municipal en Chapela. O importe total das actuacións a realizar ao abeiro do convenio ascende á cantidade de 39.964,57 euros, achegados pola Xunta de Galicia na súa integridade nesta anualidade de 2019.

Ambos mandatarios sinalaron a importancia dun pavillón tan importante como o de Chapela, que no pasado mes de novembro tomou o nome de Manuel González Soto, ex presidente do Balonmán Chapela, tristemente falecido en xaneiro do presente ano. O secretario xeral repasou as obras varias que se realizarán no pavillón ao longo deste 2019 e que se ocuparán da nova distribución zona ximnasio, acondicionamento de espazos, instalación de falso teito e pintado.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia  Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.