Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello denuncia os actos vandálicos contra o monumento ás persoas fusiladas

Concello de Redondela
27-07-2021
0
O Concello denuncia os actos vandálicos contra o monumento ás persoas fusiladas

O monumento inaugurado o pasado 14 de abril foi obxecto de pintadas tanto no panel informativo como sobre a propia escultura. O monumento que o Concello de Redondela erixiu en memoria das persoas asasinadas nos primeiros anos da Guerra Civil, inaugurado o pasado 14 de abril na zona do Alto da Concheira, preto de Rande, foi obxecto nestes días de actos vandálicos que afectaron tanto a propia escultura como ao panel explicativo situado a carón desta.

“Estes feitos non son máis que o reflexo da intolerancia dunha minoría ás que lles molesta un sistema democrático que defende a liberdade, a tolerancia e a igualdade”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas quen subliñou que esta actitude “expresa un claro odio contra a memoria democrática do noso municipio”.

Pese a actitude desta minoría, o Goberno local redondelán ratifícase na necesidade “de traballar no recoñecemento e reparación das vítimas do franquismo, propiciar actividades de concienciación e coñecemento do sucedido”.

O Concello redondelán actuará axiña para reparar o monumento “para que continúe a ser un faro de memoria”, sinala a rexedora local ao mesmo tempo que lembra que Redondela “asume como propios os valores da liberdade, igualdade e fraternidade que emanan da cultura republicana”.

“O Concello de Redondela rexeita todo discurso e acción de odio contra as persoas pois cremos que só a sociedade coñecedora do seu pasado pode ser unha sociedade educada nos valores democráticos”, conclúe Digna Rivas.