Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela reafirma a súa loita contra as violencias machistas sumándose á campaña #EmerxenciaFeminista

Concello de Redondela
20-09-2019
0
Redondela reafirma a súa loita contra as violencias machistas sumándose á campaña #EmerxenciaFeminista

A alcaldesa Digna Rivas, na súa calidade de concelleira de Igualdade, levará unha moción ao vindeiro Pleno da Corporación de cara a que este apoio teña carácter institucional. 

O Concello de Redondela sumarase á campaña #EmerxenciaFeminista que promoven diferentes asociacións e colectivos de mulleres, de cara a facer efectivo o seu apoio na loita contra a violencia machista, un apoio, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “hoxe máis necesario que nunca”.

Tal e como sinalara días atrás, Digna Rivas subliñou que “na loita contra os asasinatos machistas, non debe haber fisuras de ningún tipo e aqueles que non recoñecen que a violencia de xénero, que a violencia machista existe e é unha realidade, non poden ter un espazo de poder”.

De cara a facer efectivo ese apoio, a alcaldesa na súa labor de concelleira de Igualdade do Concello de Redondela, levará ao vindeiro Pleno da Corporación unha moción “para que este rexeitamento, este ‘pechar filas’ contra a violencia machista, teña carácter institucional e diga, ben as claras, a postura unánime da Corporación redondelá”. Do mesmo xeito, a fachada da Casa Consistorial tinguirase de Violeta que “vén de deixar de ser un color –afirma Digna Rivas– para converterse non símbolo da resistencia contra o que son auténticos actos terroristas contra as mulleres”.

Cada día engádense novas asociacións e colectivos á campaña #EmerxenciaFeminista porque, apunta Digna Rivas “trátase en realidade dunha emerxencia. As mulleres son asasinadas e a sociedade non pode permanecer impasible e allea a este horror”.

#EmerxenciaFeminista está promovida, entre outras, pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Rede Galega pola Igualdade, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, Sociedade Galega de Sexoloxía, soño de Lilth, Teenses pola igualdade, Foro feminista Maruxa Mallo, Asociación Viúvas Demócratas de Vigo, Colectivo Feminista Pontevedra, Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, así como a agrupación Comando Igualdade.

Iniciativas como estas, ante a situación que se está a vivir, conclúe a alcaldesa Digna Rivas, non son só necesarias “senón que se converten, por desgraza, en imprescindibles”. A alcaldesa de Redondela non ten ningunha dúbida á hora de afirmar que Corporación de Redondela “apoiará de forma unánime a loita, non só contra a violencia machista, senón contra todo tipo de mensaxes que a xustifiquen e que a cuestionen”.