Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Exposición “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia”

Concello de Redondela
07-10-2019
0
Exposición “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia”

Até o 31 de outubro, na Sala 1 do Multiúsos da Xunqueira, estará a exposición “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia”, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela. Esta é unha ocasión para afondar no coñecemento dos antecedentes migratorios do pobo galego.

Ao longo de case medio cento de paneis, as persoas poderán coñecer as orixes da emigración e o enorme esforzo realizado para contribuír ao desenvolvemento material e intelectual de Galicia. Por iso, esta mostra céntrase nas escolas abertas en diversos municipios galegos cos cartos chegados da emigración en América. En Redondela, por exemplo, está o caso de José Otero e o edificio sociocomunitario, xusto fronte á exposición.

Esta mostra testemuña tamén a implicación da emigración galega en América á hora de construír unha sociedade civil culta e con estima pola súa terra, identidade e cultura. A conciencia de Galicia vén, en boa medida, determinada pola iniciativa das comunidades galegas de países coma Cuba, Arxentina ou Uruguai.

Esta actividade encádrase no marco do convenio (impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística) entre o concello e o Consello da Cultura. Desta maneira, ao longo de cada ano o organismo autonómico realizará actividades, simposios, exposicións e encontros no municipio. Desta maneira, Redondela convértese nun dos lugares de encontro cultural máis activos de Galicia.