Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Exposición fotográfica "Entroido en Redondela. Unha pequena gran Historia. Parte 1"

Concellaría de Cultura. Concello de Redondela
23-08-2019
0
Exposición fotográfica "Entroido en Redondela. Unha pequena gran Historia. Parte 1"

Con motivo da celebración esta semana do 22º Entroido de Verán, a Concellaría de Cultura presenta a primeira entrega da exposición fotográfica "Entroido en Redondela, unha pequena gran Historia. Parte 1".

Trátase dunha exposición dixital, aberta as 24 horas, e proxectada nos MUPIS que o Concello de Redondela ten ubicados na rúa Alfonso XII de Redondela e na Avenida de Vigo en Chapela.

Unha exposición creada para prolongarse no tempo e continuar cada entroido (de verán ou de inverno) en distintas fases. Desta vez, presentamos a primeira parte.

O traballo nace íntegramente do Arquivo do Concello de Redondela, que alberga un apartado específico de fotografías da Historia de Redondela (Arquivo Audiovisual) e que conserva a colección dos carteles creados para os eventos que o Concello de Redondela ofrece cunha certa continuidade (Festa da Coca, Festival Internacional de Títeres, Artistas na Rúa, Entroido...).

Desta vez os Mupis dixitais ofrecerán as fotografías de Entroido que a veciñanza de Redondela cedeu gratuita e desinteresadamente ó Arquivo municipal: J. A Xesteira Pazos, Ana Carreira, Juan Migueles, Familia Reboredo Surís, Antonio López, Celso Milleiro ou Malena Reboredo Blanco.

Exporase tamén parte do fondo fotográfico de Fot'sca que o Concello de Redondela mercou a D. Carlos Alonso, fotógrafo que retratou as escenas cotiás da Vila de Redondela; concretamente as fotografías tomadas polo profesional no Entroido de 1976, na Sala de festas Miramar.

A todo isto sumarase a colección recuperada dos carteis do Entroido de Verán dende o 2002 e a recopilación das noticias da Hemeroteca do Faro de Vigo relacionadas co Entroido de verán dende o 1998.

Trátase dun traballo arquivístico completo que recopila as produccións visuais, periodísticas e artísticas en relación a un tema: A HISTORIA DO ENTROIDO NO CONCELLO DE REDONDELA.

A Concellaría de Cultura aposta pola recuperación do patrimonio documental e audiovisual da nosa vila e, sobre todo, pola difusión do mesmo. Son a nosa memoria.

Agardamos que o proxecto teña un bo recibimento entre a cidadanía de Redondela e entre as persoas visitantes nestas datas.