Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Este mes de xuño inaugúrouse no Multiúsos da Xunqueira a exposición “Vidas perdidas” organizada por Axentes do Cambio.

Concello de Redondela
05-06-2022
0
Este mes de xuño inaugúrouse no Multiúsos da Xunqueira a exposición “Vidas perdidas” organizada por Axentes do Cambio.

No mes de xuño gozaremos en Redondela da primeira exposición organizada e coordinada por Axentes do Cambio, o Grupo de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Redondela.

A exposición xurde dun movemento do grupo como resposta ao inicio da invasión de Rusia a Ucrania. Antía Ferrín, de 13 anos, foi a persoa que fixo a proposta de mobilizar á poboación en contra das guerras, denunciando as consecuencias das mesmas, e a súa idea tivo gran acollida polo resto de mozas e mozos do grupo.

Para coñecer en profundidade esta temática, primeiro fixeron un traballo de indagación: buscaron información en Internet, consultaron libros e preguntaron aos familiares e xente coñecida que lles contasen de primeira man como lembraban ou que sabían sobre como vivira a poboación a Guerra Civil Española.

Despois organizaron un grupo de discusión onde puxeron en común as súas ideas. Tamén adicaron unha sesión ao visionado da película “La tumba de las luciérnagas” de Isao Takahata.

Con toda a información recabada, decidiron que o mellor xeito de sensibilizar ao resto da comunidade era a través da arte. Para iso traballaron xuntos para elaborar carteis e debuxos, realización á que convidaron a todos os centros de ensino de Redondela, e á que se sumaron algúns deles.

O resultado é a exposición que poderá verse no Multiúsos da Xunqueira a partir do venres 3, e durante todo o mes de xuño. Baixo o título “Vidas perdidas” atoparemos todos estes debuxos e reflexións, froito da preocupación dos nosos nenos, nenas e adolescentes pola evolución deste conflito europeo, pero tamén pola vulnerabilidade coa que a poboación civil, especialmente nenos e nenas, está exposta ante as accións bélicas.

Á exposición súmanse tamén as Bibliotecas Municipais: Valle-Inclán de Redondela e Xela Arias de Chapela, con sendos centros de interese nos que destacarán algúns dos fondos da súa colección, libros e películas, nos que se denuncian as guerras e o dano irreversible que producen.