Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

As feiras e mercados de Redondela recuperan a súa data habitual de celebración

Concello de Redondela
30-04-2021
0
As feiras e mercados de Redondela recuperan a súa data habitual de celebración

As novas disposicións da Xunta permiten que os mercados con menos de 150 postos “poidan dispoñer do 100 % dos postos habituais ou autorizados”

As feiras e mercados de Redondela volven a retomar os seus días habitual de celebración –6 e 21 de cada mes para Redondela e 2 e 16 para Chapela– logo das novas directrices da Xunta de Galicia con respecto ás medidas de prevención específicas adoptadas como consecuencia da evolución epidemiolóxica da COVID-19.

As novas normas sinalan que aquelas feiras e mercados con menos de 150 postos, caso de Redondela e Chapela, “poderán dispoñer do 100 % dos postos habituais ou autorizados”, polo que o municipio redondelán volverá á normalidade no que atinxe á data de celebración das súas feiras.

Cómpre lembrar que, no seu momento, o Concello tiña cambiado a data de celebración da feira de Redondela –pasándoa aos domingos–, a fin de poder manter o 100 % dos postos e ao mesmo tempo cumprir coa normativa vixente. Dito traslado permitía a ocupación, na súa totalidade, da Avenida Mendiño sen ocasionar excesivos problemas de circulación ao ser día non laborable e non lectivo e, como consecuencia, rexistrar unha baixa densidade de tráfico rodado.

O concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas, cualificou de “positiva” esta medida que indica “que estamos camiñando na dirección correcta á hora de frear a pandemia da COVID-19” aínda que lembrou que por parte do Concello de Redondela, “seguirán a manterse as medidas de prevención e protección sanitaria habituais como o uso de máscara de protección e itinerarios de entrada e saída para evitar aglomeracións”.

Pola súa banda, Digna Rivas, recalcou a necesidade de “non baixar a garda” e seguir facendo gala “da responsabilidade que a cidadanía de Redondela amosou nos momentos máis duros e complicados desta crise”.