Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno de Redondela manterá as franxas horarias estipuladas no estado de alarma

09-05-2020
0
O Goberno de Redondela manterá as franxas horarias estipuladas no estado de alarma

 

· O Executivo que preside Digna Rivas non aplicará a “liberdade horaria” ata non dispoñer de datos reais da evolución da COVID-19 solicitados

 

Redondela, 09 de maio de 2020

 

A liberdade horaria anunciada pola Xunta de Galicia para 1.428 parroquias de toda a comunidade que terán liberdade horaria para pasear e facer deporte, non se aplicará no Concello de Redondela, segundo anunciaron hoxe a alcaldesa Digna Rivas e a segunda tenenta de alcalde e portavoz de AER, Susana Couñago, e, polo tanto, seguirán vixentes as franxas horarias establecidas no Decreto do estado de alarma.

En Redondela, segundo a comunicación da Xunta de Galicia, so manterían a restrición horaria Chapela e Redondela, anulándose no resto de núcleos rurais. O Goberno local considera que “ninguén, cun mínimo de responsabilidade, pode adoptar unha medida deste calibre, sen posuír datos fiables da evolución da COVID-19 no municipio, datos que a Xunta de Galicia nega reiteradamente a este Concello”.

A decisión do Goberno local ven motivada, asi mesmo, por outros factores como o feito de que a Secretaria do Concello non garante a seguridade xurídica da medida e que, pola súa banda, as notificacións da Policía Local, chaman a atención sobre que o comportamento da veciñanza “non está sendo todo o bo que debería ser para avanzar na desescalada”.

En todo caso, o Concello de Redondela adiantou a súa vontade de debater sobre a posibilidade de apertura de horarios nas parroquias pero, dita decisión, “aprázase ata o mércores, en que se celebrará unha xuntanza da Comisión de Seguimento, para acadar unha maior seguridade xurídica e consultar a aos grupos da oposición”, explican Rivas e Couñago.

En tanto non se celebre dita Comisión, en todo o termo municipal redondelán seguirán vixentes as franxas horarias establecidas no estado de alarma e a Policía Local manterá o seu traballo de vixilancia no cumprimento das mesmas.