Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Fundación Filomena Rivero Alonso doa libros por valor de 2.200 euros á Biblioteca Municipal de Redondela

Concello de Redondela
22-06-2021
0
A Fundación Filomena Rivero Alonso doa libros por valor de 2.200 euros á Biblioteca Municipal de Redondela

Redondela, 21 de xuño de 2021.- A Fundación Filomena Rivero Alonso formalizou hoxe, nun evento no Concello, a aportación económica a prol do Concello de Redondela que, ao longo de 2021, supón un total de 2.200 euros para á compra de libros, tanto para nenos e nenas como para adultos, para ampliar os fondos da Biblioteca pública municipal Valle-Inclán. No acto participaron o secretario da Fundación, Telmo Crespo Tojeiro, e o concelleiro de Cultura de Redondela, Daniel Boullosa, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

 

Durante o evento, que tivo lugar ás 19.00 horas, o concelleiro de Cultura agradeceu “a implicación da Fundación Filomena Rivero Alonso que, ano tras ano, vén colaborando na ampliación do fondo bibliográfico municipal, achegando aos veciños e veciñas e nenos e nenas desta localidade á cultura e facilitando o acceso á lectura e á formación”. Neste intres, as bibliotecas municipais atenden a cerca de seis mil redondelanos. A pesares do descenso dos préstamos durante os meses de restricións por mor da Covid-19, entre as sedes de Redondela e Chapela atendéronse en 2020 preto de 20.000 visitas e xestionáronse uns 13.000 préstamos.

 

A Fundación, presidida por Gracia Regojo, leva anos traballando a prol do apoio e promoción da cultura en Redondela. Concretamente, este vínculo remóntase ao ano 2006 cando comeza a colaborar coas ANPAS. Anos máis tarde, consolídase xa a relación e, a través da rede de bibliotecas, créase un “Club de Lectura” que continúa na actualidade, aínda que hoxe depende, orzamentariamente, da Concellería de Cultura de Redondela, pasando a destinarse a aportación económica da Fundación integramente á compra de libros.