Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno local reordena as súas areas de traballo nas que “o servizo á cidadanía seguirá sendo a única prioridade”

Concello de Redondela
01-09-2021
0
O Goberno local reordena as súas areas de traballo nas que “o servizo á cidadanía seguirá sendo a única prioridade”

A alcaldesa Digna Rivas agradeceu o traballo realizado polos concelleiros e concelleira de AER durante estes dous anos e asegura que “o noso mellor aval son os feitos”. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinou onte a aceptación da renuncia dos tres concelleiros de AER, e a remodelación das áreas de Goberno para as que non haberá maior prioridade que “o servizo as nosas veciñas e veciños e traballar arreo para mellorar a calidade de vida da cidadanía”, afirmou a rexedora redondelá.

Digna Rivas quixo agradecer o traballo realizado polos concelleiros e concelleira de AER durante estes dous anos e asegurou que a redistribución de áreas “non supón maior problema dado que contamos cun equipo preparado, traballador e que sabe que as necesidades das nosas veciñas e veciños teñen que estar por enriba de calquera outra consideración”.

Na reorganización das áreas de responsabilidade, Ignacio González, suma ás concellerías de Deportes, Medio Mariño e Transición enerxética que xa xestionaba, á de Seguridade e Interior.

Pola súa banda, María Castro Abad, mantén a dirección das áreas de Economía e Facenda, Urbanismo e Vivenda, Patrimonio e Emprego e farase cargo tamén da área de Turismo.

Vicente Lamas, suma ás súas responsabilidades a concellería de Servizos Públicos Básicos amais das de Vías e Obras, Benestar Comunitario, Feiras e Mercados e Transportes que xa viña desenvolvendo ata o momento.

No que atinxe ás concellerías de Transparencia, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá, estas serán asumidas por Olga García Ballesteros quen, amais, mantén a xestión das áreas de Xuventude, Ensino e Conservatorio.

Alberto Álvarez, pasará a xestionar a área de Medio Ambiente, que se engade ás de Persoal, Parques e Xardíns e Limpeza Viaria que xa dirixía.

Finalmente, Iria Vilaboa, ata o momento concelleira de Servizos Sociais, Persoas Maiores e igualdade, será a responsable das concellerías Cultura e Festas.

O reparto de áreas permitirá seguir atendendo “ás necesidades da cidadanía”. Para alcaldesa redondelá, “o noso mellor aval e o traballo e a dedicación que lle prestamos ás demandas da cidadanía”. Dar cumprida satisfacción as necesidades que teñen cada un dos nosos e nosas veciñas “seguirá a ser o noso obxectivo porque, ese traballo, será o que nos permita seguir construíndo a Redondela de futuro e con futuro que todas e todos queremos”.