Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Digna Rivas participa en Granada na homenaxe a Alejandro Otero e ao persoal da Universidade represaliado durante a ditadura franquista

Concello de Redondela
21-10-2021
0
Digna Rivas participa en Granada na homenaxe a Alejandro Otero e ao persoal da Universidade represaliado durante a ditadura franquista

A alcaldesa de Redondela foi invitada pola reitora da Universidade granadina ao ser o médico e político redondelán, quen foi catedrático e exreitor da universidade, unha das persoas 'depuradas' tralo golpe de estado.  “Honrar e recuperar a memoria daqueles membros da Comunidade Universitaria e das súas Escola adscritas que foron obxecto de represión por motivos políticos ou ideolóxicos ou de crenzas relixiosas durante a Guerra Civil”. Ese era o obxectivo do acto solemne que esta mañá tivo lugar na Universidade de Granada é ao que asistiu a alcaldesa de Redondela, invitada pola rectora, ao atoparse o redondelán Alejandro Otero Fernández, daquela catedrático de Xinecoloxía da Facultade de Mediciña e exrector da Universidade, entre as persoas represaliadas.

Catro foron as actividades que se desenvolveron durante a mañá comezando pola inauguración da sala Rector Salvador Vila fusilado polas tropas franquistas. Posteriormente tiña lugar o acto institucional de Declaración de reparación e recoñecemento persoal de membros da Universidade de Granada que padeceron represalias durante a Guerra Civil e a ditadura para, posteriormente, inaugurarse o Lugar de memoria democrática da Universidade de Granada e rematar coa apertura da exposición Azaña. Intelectual e Estadista.

A universidade granadina sentiu especialmente, no seu persoal docente, administrativo e auxiliar, a represión franquista con 8 persoas fusiladas (6 docentes da propia universidade e 2 das escolas adscritas) e 26 depuradas –con separación temporal, definitiva ou traslado– das que 9 eran catedráticos da propia universidade, 7 persoal auxiliar, administrativo ou de servizos e 10 persoal docente e de servizos das escolas adscritas.

“É preciso que as persoas que foron asasinadas nuns casos, ou depuradas e apartadas da súa labor profesional noutros, pola súa ideoloxía, crenzas relixiosas ou simplemente por estar en desacordo co Golpe de Estado, non caian no esquecemento e que sexan o recordatorio permanente dun episodio da nosa historia que non se pode volver a repetir”, afirmou a alcaldesa de Redondela á saída do acto.

Digna Rivas salientou a importancia da figura de Alejandro Otero, médico, catedrático e político socialista “que foi un extraordinario ser humano que avogou sempre pola xustiza social, a igualdade e a humanidade” principios que mantivo ata a súa morte en México, no exilio, “é que lle impediu volver en vida a España e a súa Redondela natal”.

Dende o ano 2013, o nome de Alejandro Otero volve a figurar no rueiro redondelán ao igual que o o seu nome figura tamén nunha rúa de Granada, dende 1981 e no 2002 era designado 'Granadino Ideal'.

A alcaldesa de Redondela, quen mantivo un emotivo encontro con familiares de Alejandro Otero antes do inicio do acto do acto, lembrou que os restos mortais do ilustre redondelán “repousan dende 1955 no recentemente recuperado Cemiterio de Eidos, que estaba no máis absoluto dos esquecementos e que era preciso poñer en valor polo significado histórico que ten para Redondela”.