Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O alumnado do IES Chapela planta árbores autóctonas no Camiño da Fraga

Concello de Redondela
14-04-2022
0
O alumnado do IES Chapela planta árbores autóctonas no Camiño da Fraga

Ao longo deste curso alumnos e alumas participaron en distintas actividades para coñecer o patrimonio natural e etnográfico desa zona.

Alumnas e alumnos do IES Chapela levaron a cabo, o pasado 7 de abril, a plantación de árbores autóctonas no camiño da Fraga, unha plantación moi desexada polas persoas que adoitan subir á Senda da Auga, a través da senda paralela ao río Fondón, unha zona de alto valor por ser un corredor ecolóxico, segundo o Plan de Ordenación do Litoral.

Ás 8:30 horas o alumnado saíu andando do mesmo IES coa ferramenta facilitada polo Concello e, logo dun curto paseo, chegaron á zona da plantación. Tras uns primeiros momentos para acostumarse ao uso do sacho, alumnas e alumnos colaboraron en equipo, de xeito moi eficaz e coa ledicia de participar nunha actividade de mellora do seu entorno.

Así, o alumnado do IES Chapela colaborou na mellora deste entorno plantando especies autóctonas como castiñeiros, nogueiras, cerdeiras e acivros.

Durante este curso escolar o alumnado do IES de Chapela participou en distintas actividades para coñecer o patrimonio natural e etnográfico desta zona incluídas dentro do programa de educación ambiental Coidando do entorno e das persoas, financiado polo Concello de Redondela e que tamén se está levando a cabo noutro centro educativo do municipio.