Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Entroido de Verán contará con Puntos Violeta e Arco da Vella

Concello de Redondela
19-08-2022
0
 O Entroido de Verán contará con Puntos Violeta e Arco da Vella

O Entroido de Verán contará con Puntos Violeta e Arco da Vella intensificando a súa aposta por unha festa libre de violencia machista

Os puntos quedarán instalados na Praza do Concello e Campo da Feira e, a maiores, facilmente localizables a través do código QR dos carteis informativos que está a colocar o Concello redondelán

O Entroido de Verán de Redondela, que se celebrará este vindeiro sábado, 20 de agosto, contará con Puntos Violeta, dentro a firme política de prevención da violencia machista que desenvolve o Goberno que preside a socialista Digna Rivas a través da Concellería de Igualdade xestionada por Iria Vilaboa.

“É fundamental que o Entroido de Verán como festa que é para toda a cidadanía, poida desfrutarse dende o respecto ás mulleres, libres de acoso e da humillación machista”, afirma a alcaldesa Digna Rivas que lembra que, dende esa perspectiva “os Puntos Violeta desenvolven unha labor fundamental non só na atención a posibles vítimas de agresións sexistas, senón tamén como espazos de sensibilización á mocidade sobre a importancia da igualdade e do respecto ás mulleres”.

Os Puntos Violeta, atendidos por técnicas de Igualdade, quedarán instalados na Praza do Concello e no Campo da Feira e, amais, serán de fácil localización a través dos dispositivos móbiles escaneando o código QR que figura nos carteis informativos que o Concello está colocando en diferentes puntos do casco urbano baixo o lema “Por un entroido seguro libre de violencia machista”.

Mantendo a política de accesibilidade, en todos os seus eidos, que desenvolve o Concello de Redondela, os Puntos Lila e Puntos Arco da Vella contarán con intérpretes de lingua de signos. Finalmente, a alcaldesa Digna Rivas quixo tamén agradecer a colaboración da Asamblea Feminista Paxaretas “nesta iniciativa ao igual que o fai nas actividades que a prol da igualdade e erradicación da violencia machista desenvolve o Goberno local”.

Puntos Arco da Vella

Doutra banda e a carón dos Puntos Violenta, tanto na Praza do Concello coma no Campo da Feira, a asociación Pvlse instalará puntos Arco da Vella co obxectivo sensibilizar e informar á veciñanza sobre a diversidade e identidade sexual e, ao mesmo tempo, de visibilizar ás persoas LGTBIQ+.

A instalación destes puntos informativos desenvolveuse por primeira vez no entroido de verán do 2019 coa chegada do Goberno de Digna Rivas ao Concello. “Redondela a facemos todas e todos, sen ningún tipo de distinción de cor política, credo ou identidade sexual” afirma a alcaldesa de Redondela que adianta que o seu Goberno “manterá sempre alto o listón da loita pola igualdade e a diversidade e a súa loita decidida contra as violencias machistas en todas as súas formas”.