Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Comezan as obras de modernización da Praza de Abastos de Redondela

Concello de Redondela
12-07-2021
0
Comezan as obras de modernización da Praza de Abastos de Redondela

As obras de instalación dun ascensor permitirán que o mercado redondelán cumpra coa normativa de accesibilidade en edificios públicos. A Concellería de Feiras e Mercados, que dirixe Vicente Lamas, iniciará esta vindeira semana as obras de instalación dun ascensor que permitirá que este edificio municipal cumpra coa normativa de accesibilidade en edificios públicos.

As obras, adxudicadas á empresa Ocisat, S.L. por un importe de 44.048,46 euros –IVE incluído– e contan cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (dentro do programa de subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais) e cofinanciadas polos fondos europeos FEDER. O prazo estimado de realización das obras será de mes e medio para que os traballos ocasionen as menores molestias tanto a vendedores coma a usuarios e usuarias.

Nesta vindeira semana o Goberno local manterá unha reunión coas praceiras e praceiros para darlles a coñecer o borrador do proxecto de reforma integral do edificio e escoitar as suxestións que as e os profesionais poidan realizar. O obxectivo é converter a praza de abastos de Redondela nun mercado moderno e competitivo e que poña en valor o comercio de proximidade e sexa referencia de produtos de calidade.

Tanto a alcaldesa Digna Rivas como a concelleira de Comercio, María Castro, fixeron fincapé na fonda transformación que está a darse nas prazas de abastos das vilas e cidades para converterse en espazos “non só de venda de produtos proximidade e calidade contrastada, senón como lugares de dinamización social que inflúan en toda a súa contorna, tal e como se está facendo neste tipo de infraestruturas ao abeiro das subvencións que, para estes proxectos, ofrece a Xunta de Galicia”.