Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno local explicará á veciñanza do Viso o proxecto de seguridade viaria para a PO-2091

Concello de Redondela
01-09-2020
0
O Goberno local explicará á veciñanza do Viso o proxecto de seguridade viaria para a PO-2091

A xuntanza servirá tamén para tratar outros temas de interese para a parroquia e escoitar as demandas veciñais dentro da liña de transparencia e comunicación coa cidadanía que busca o executivo local.

O proxecto de seguridade viaria para a estrada PO-2091, proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra e que busca poñer fin á inseguridade desta vía que atravesa a parroquia do Viso, será presentado á veciñanza da parroquia nunha reunión que terá lugar o vindeiro luns, 31 de agosto ás 20 horas, no Centro Cultural de Saramagoso.

A alta densidade de tráfico rodado e a ausencia de beirarrúas, converten esta estrada nun perigo para a seguridade da veciñanza, feito que xa fora denunciado, reiteradamente, polas persoas residentes na zona.

A reunión servirá para que o Goberno local, encabezado pola alcaldesa Digna Rivas, explique este proxecto de mellora da seguridade viaria e que, ao mesmo tempo, permita aclarar todas as dúbidas que as veciñas e veciños teñan sobre o mesmo.

Doutra banda, o encontro servirá tamén para poñer sobre a mesa outros proxectos que se pensan desenvolver na parroquia e, do mesmo xeito, veciños e veciñas poderán facer chegar ao goberno local as súas inquedanzas e necesidades “no que pretendemos que sexa un diálogo aberto, transparente e participativo”, explica a alcaldesa Digna Rivas

Trátase, sinala o Goberno local redondelán, “non só de que a cidadanía coñeza de primeira man aqueles proxectos que se van desenvolver na súa parroquia, senón que tamén poidan presentar as súas achegas e propostas, resolver as súas dúbidas e expresar libremente a súa opinión”.

O executivo local reafirmábase na idea de que “a cidadanía non ten que ser, como foi para anteriores gobernos, un suxeito pasivo na vida municipal, senón que ten que ser unha parte activa da mesma”.

Nese sentido, as obras, proxectos, ideas e iniciativas que afecten a súa parroquia “teñen coñecidas e explicadas polo miúdo e dentro da liña de transparencia que, dende a nosa chegada ao Concello, estamos tentando desenvolver”, matiza a alcaldesa de Redondela.

Estas reunións, desenvolveranse de xeito periódico en todas as parroquias do municipio “como unha canle de participación aberta que permita que a voz da veciñanza sexa non só escoitada, senón tida en conta”, conclúe o Goberno de Redondela.