Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A alcaldesa de Redondela participa na presentación do proxecto de reciclado de pilas usadas 'Pontevedra Recopila'

Concello de Redondela
29-04-2022
0
A alcaldesa de Redondela participa na presentación do proxecto de reciclado de pilas usadas

O obxectivo é crear unha rede de recollida destes residuos naqueles municipios que non dispoñen de puntos limpos para depositalos

Redondela acolleu na mañá do xoves, 28 de abril, o inicio da campaña que a fundación Ecopilas levará a cabo en Pontevedra para facilitar que a cidadanía de 12 municipios da provincia que non dispoñen de puntos limpos poidan desfacerse correctamente das pilas e baterías usadas.

No acto de presentación desta iniciativa, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, estivo acompañada polo presidente de Ecopilas, José Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez e alumnos e alumnas do CEIP Santa Mariña, ao ser unha campaña que vai ter unha importante presenza nos centros escolares.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou a importancia deste proxecto “que da continuidade ao traballo que este Goberno desenvolve na protección, conservación e mellora do medio ambiente como patrimonio de toda a veciñanza”. Rivas agradeceu especialmente a presenza “destes nenos e nenas que amosan, en todas as iniciativas medioambientais que realizamos dende o Concello, unha implicación e unha responsabilidade moi por enriba da súa idade”.

A alcaldesa puxo de relevo “o labor continuado” que desenvolve a Concellería de Medio Ambiente co obxectivo de que Redondela “poida seguir ofrecendo a veciñanza e visitantes, un entorno natural limpo, saudable e sostible”.

Pola súa banda, para José Pérez, presidente de Ecopilas, “cada vez máis cidadáns son conscientes da necesidade reciclar as pilas para evitar danos ambientais e aforrar materias primas. Con todo, non é suficiente cunha cidadanía sensibilizada, se non lles facilitamos e achegamos os medios que lles permitan contribuír a este labor. Coa campaña ‘Pontevedra Recopila’ -continúa Pérez- damos resposta a unha particularidade de Galicia, como é a dispersión poboacional que impide que todos os municipios dispoñan de puntos limpos, e ofrecemos a estes últimos un servizo de calidade de recollida e reciclaxe”.

A campaña ‘Pontevedra Recopila’, terá unha duración dun ano e permitirá crear unha rede de puntos de recollida destes residuos en centros públicos, colexios e comercios locais –nos que se instalarán contedores específicos– para facilitar así a súa retirada e reciclaxe, condicionados pola alta dispersión poboacional da rexión.

As pilas recollidas serán, posteriormente, trasladadas a plantas de tratamento autorizadas, permitindo a recuperación dos materiais reutilizables contidos nas pilas.

‘Pontevedra Recopila’ inclúe o desenvolvemento dunha campaña de concienciación sobre os beneficios ambientais da reciclaxe destes residuos e da importancia da colaboración da cidadanía para garantir o seu adecuado tratamento. Para iso, Ecopilas instalará unha carpa itinerante, onde ademais de recibir información por parte de monitores ambientais, os cidadáns poderán depositar as súas pilas usadas a cambio de material de merchandising da fundación ambiental.