Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Rexistro de artistas locais bota a andar con máis de medio cento de integrantes

Concellaría de Cultura. Concello de Redondela
20-05-2020
0
O Rexistro de artistas locais bota a andar con máis de medio cento de integrantes

Dende a creación da nova Concellaría de Cultura, lévase traballando a reo para convertir en realidade unha moción presentada no Pleno do 26 de Novembro do 2015 pola Agrupación de Electores de Redondela. Moción de promoción de grupos e artistas locais que fora aprobada por maioría, cos votos en contra do Partido Popular.

Redondela, berce de artistas de diversas disciplinas, non dispoñía dunha base na que poder atopar quenes eran estes e estas artistas e cales eran as súas artes. Convocouse abertamente mediante a edición e difusión de carteles, o envío de correos electrónicos e o uso de redes sociais, abríndose así a opción ás persoas artistas do municipio, de inscribirse nun Rexistro municipal. Solicitouse a estes e estas artistas un pequeno curriculum, unhas líneas nas que se describise a súa experiencia tras a cámara, o micrófono, o lapis, os pinceis, os cinceis ou o seu instrumento musical habitual.

Mentres o mundo das actuacións se paraba en rúas e teatros por mor da pandemia do Covid-19, o departamento da Concellaría de Cultura seguía a traballar a reo de portas adentro e en poucas semanas comezaron a chegar fotos, textos e enlaces a vídeos de todas as artes: fotografía, música, pintura, literatura, escultura, artes escénicas, ... Así arrancou un espazo dentro da web do concello (redondela.gal) que conta nestes momentos cos contactos e historias de máis de 50 artistas. Cada artista conta cunha ficha descriptiva individualizada, cunha breve descripción da súa obra e un contacto facilitado polos/as protagonistas da mesma.

Trátase dun Rexistro vivo, no que as persoas artistas de Redondela poden anotarse en calquera momento, modificar os datos enviados ou aumentar a información das obras ensinadas, só enviando un mail a quefacerenredondela@redondela.gal. Un rexistro en constante movemento.

(preme aquí para consultalo)

A idea deste Rexistro de Artistas de Redondela é visibilizar a cultura que ferve entre as persoas do municipio, dar a coñecer e animar ás persoas que traballan a reo para expoñer as súas habilidades artísticas.

Outro fin é tamén convertir a web municipal nun punto de encontro para futuras contratacións d@s artistas. Unha web aberta a calquer institución ou compañía que queira contactar con estes músicos, actores, actrices, pintoras,...dándolle así difusión a un dos valores máis recoñecidos do noso municipio: a cultura de base.

Mais a Concellaría de Cultura pretende, con este Rexistro de Artistas aberto e público, coma finalidade última, sentar unha base forte e inamobible que obrigue ós futuros gobernos do Concello de Redondela a seguir respectando e potenciando a cultura do noso municipio. Porque existe, xa está aquí rexistrada.