Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela anima á lectura en galego nas salas de espera a través dun stand que contará cos libros das parroquias

Concello de Redondela
17-03-2023
0
Redondela anima á lectura en galego nas salas de espera a través dun stand que contará cos libros das parroquias

O Concello de Redondela, a través do Servizo de Normalización Lingüística dirixido pola alcaldesa Digna Rivas, continúa coa difusión dos libros de parroquia. O pasado venres 24 de febreiro foi a presentación do libro de Cedeira, de Juan Migueles, e o sábado 17 de marzo a presentación do libro de Saxamonde escrito por Paulo Jablonski. Agora, o SNL de Redondela leva estes libros ás salas de espera do municipio. A iniciativa consiste en colocar nun pequeno stand os libros de parroquias que animen á lectura en lingua galega e á vez o coñecemento da riqueza patrimonial das parroquias de Redondela. Neste sentido, dende o departamento, destacan a boa acollida que houbo por parte dos locais: "participan arredor de 30 establecementos de todo tipo. Queremos agradecerlles a súa colaboración porque tanto a Administración como o pequeno negocio son pezas clave para a normalización da lingua e literatura galegas".

A campaña non ten data de caducidade e a alcaldesa, Digna Rivas, explica que "nas anteriores campañas, feitas en cafetarías e establecementos de beleza, en colaboración coa Asociación de Empresairos/as de Redondela, a recepción foi moi positiva. Tanto que dos primeiros libros levamos publicados 1500 de cada un, o cal acada unha cifra nada menor. Desta maneira a cultura e a lingua entran nas casas redondelás. Isto é o máis importante: fomentar a lectura en galego, facilitar o achegamento aos libros e dar opción de descubrir a propia historia local".Pola súa parte, Digna Rivas destacou "a presenza do libro galego en todos os espazos sociais. Debemos continuar nunha liña de aproximar a cultura local e a lingua ás familias. Temos unha riqueza patrimonial moi grande que precisa ser difundida. Este obxectivo, en parte, pódese acadar a través destas publicacións. Debo agradecer a participación dos distintos locais e, unha vez máis, aos autores e autoras polo espléndido resultado e a Ángel Barros por cedernos os cadros que ilustran as portadas".
Finalmente, o SNL apunta a continuidade dos libros de parroquia e anuncia que continuarán ata completalas todas. Este sábado 17 tivo lugar na Escola Vella de Saxamonde a presentación do libro desta parroquia. O libro, asinado polo profesor de instituto Paulo Jablonski e oriundo da zona, narra de maneira resumida pero moi completa este devalar pola historia de Saxamonde. A natureza, a vida social, os feitos históricos (algúns tan esquecidos como a cita á revolta Irmandiña de finais do século XV), os costumes ou as festas aparecen aquí descritos. “Durante a presentación deste último libro, e como nas anteriores, a sala estaba chea. Este proxecto está acumulando moito éxito e a participación por parte da veciñanza é clara e numerosa”, apunta Rivas. A rexedora municipal acompañou ao autor durante a presentación e ao rematar o acto repartiron exemplares de maneira gratuíta até esgotalos.