Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Illa de San Simón acolle este sábado o ciclo de conferencias 'A música alfonsina en Galicia'

Concello de Redondela
28-09-2021
0
 A Illa de San Simón acolle este sábado o ciclo de conferencias

A actividade busca homenaxear a Alfonso X O Sabio, autor das Cantigas de Santa María, no 800 aniversario do seu nacemento. A Illa de Simón acollerá, este sábado 2 de outubro, un ciclo de conferencias que se desenvolverá baixo o título 'A música afonsina en Galicia' e que xirarán arredor da música medieval na época de Afonso X, o rei autor das Cantigas de Santa María. Os relatores serán Carlos Villanueva, Francisco Luengo, Esperanza Mara e Luciano Pérez, que se encargarán de falar sobre distintos aspectos musicais do período medieval galego.

Con esta iniciativa –que se suma a outras que se realizarán por toda Galicia para homenaxear o monarca sabio ao cumprirse o 800 anos do seu nacemento– o Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela retoman o convenio de colaboración asinado no seu momento polo que ambas entidades comprometéranse a impulsar actividades culturais que se concretarían en conferencias e en exposicións, actividades que estiveron detidas debido ás restricións impostas pola pandemia da Covid.

Á inauguración do acto asistirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como mostra do reimpulso que estas dúas institucións queren dar ao convenio asinado no seu momento. De feito no mesmo acto adiantaranse algunhas actividades previstas para o vindeiro ano que xirarán arredor da Memoria Histórica e dunha exposición no Multiúsos da Xunqueira.

A inscrición é totalmente gratuíta e pódese facer por medio da web do Consello da Cultura Galega e, para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela no enderezo de correo electrónico normalización@redondela.gal. As prazas son limitadas e respectaranse todas as medidas sanitarias.