Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela recibe da Consellería de Sanidade o diploma con distinción de ouro do programa «Praias sen fume»

Concello de Redondela
15-09-2022
0
 Redondela recibe da Consellería de Sanidade o diploma con distinción de ouro do programa «Praias sen fume»

A distinción, recollida polo concelleiro de Medio Ambiente, recoñece o traballo desenvolvido polo concello ao ter declarados todos os seus areais como praias libres de fume

O Monte Real Club de Iates de Baiona foi o escenario escollido pola Consellería de Sanidade para facer entrega dos diplomas acreditativos do programa sanitario «Praias sen fume» que fomenta os areais libres de tabaco. O Concello de Redondela, representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, recolleu o diploma con distinción de ouro, galardón que salienta que todos os areais do municipio están declarados como praias libres de fume.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu que por parte da Consellería se recoñeza un logro “que non é feito da casualidade, senón dunha planificación minuciosa por parte do Goberno local para que, os nosos areais, sexan saudables no máis amplo sentido do termo”.

Rivas lembrou que, amais dos beneficios que ten para a saúde e para a comodidade das familias que durante o verán gozan dos areais redondeláns, “declarar as praias sen fume é unha extraordinaria contribución ao medio ambiente”. As veces, sinala a alcaldesa de Redondela, esquecémonos dun dato tan básico como alarmante que é o feito de que unha soa cabicha dun cigarro tarda ata 12 anos en desintegrarse e contamina ata 10 litros de auga mariña”. Se ese número o aplicamos aos centos de cabichas que eran deixadas nas praias, “estamos a falar dun elemento altamente contaminante que, afortunadamente, podemos solucionar con pequenos xestos”.