PREMIO VIADUTOS DE NOVELA 2018

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.
O xoves, 14 de decembro, ás 12:30h, tivo lugar na Casa do Concello de Redondela a presentación aos medios do novo Premio Viadutos de Novela, convocado polo Concello de Redondela e a súa Concellería de Xuventude, e organizado pola Editorial Galaxia. Con este premio o Concello de Redondela decide apostar unha vez máis polo apoio e fomento da creación e a publicación en lingua galega.

Deste xeito, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, que acadaba neste 2017 a súa decimooctava edición, e que estaba considerado un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia (podían concorrer obras de creadores entre os 18 e os 35 anos), convértese nun premio de novela que buscará tamén o talento senlleiro e que non esquece a súa orixe, nin tampouco o seu referente: os viadutos ferroviarios, que desta volta se integran nun deseño gráfico novidoso e rompedor.

Poderán participar no Premio Viadutos aquelas autoras e autores maiores de 18 anos que teñan unha novela inédita que supere as 100 páxinas. O premio está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora será publicada na colección Literaria da Editorial Galaxia. O prazo para a recepción de orixinais estará aberto ata o 30 de marzo de 2018 e o fallo darase a coñecer no mes de maio. A entrega do premio terá lugar no Concello de Redondela coincidindo coa presentación da obra premiada.

Para a descarga das bases preme Aquí