Concello de Redondela

Alameda Castelao e Paseo da Xunqueira, novos Espazos Sen Fume

– A campaña “Espazos sen Fume” está impulsada pola Asociación Española contra o Cancro. Redondela súmase con dous céntricos espazos por iniciativa do grupo de traballo en Saúde Infanto-Xuvenil da Mesa Local de Saúde. Ontesinalizáronse oficialmente como “espazos libres de fume” o Paseo da Xunqueira e a Alameda de Castelao.
– Esta campaña busca promover unha vida libre de fume que protexa, sobre todo, á poboación infanto-xuvenil e desnormalizar o hábito de fumar en espazos públicos de convivencia. Os espazos escollidos nunha votación popular foron propostos polo alumnado dos institutos.

No marco do Día Mundial sen Tabaco, que se conmemora cada 31 de maio, o Concello de Redondela adheriuse á campaña ‘Espazos sen Fume’, impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro, co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables e protexer á poboación, especialmente aos menores, da exposición ao fume do tabaco en espazos públicos. A iniciativa xurdiu no grupo de traballo en Saúde Infanto-Xuvenil da Mesa Local de Saúde. Os espazos sinalizados foron seleccionados mediante un proceso participativo, co obxectivo de implicar á cidadanía na elección de contornas máis saudables. Foi o alumnado dos institutos o que propuxo as posibles localizacións, que posteriormente se someteron a votación: o Paseo de Arealonga, proposto polo alumnado do IES Chapela; A Xunqueira, proposta do alumnado do Illa de San Simón; e A Xunqueira xunto coa Alameda de Castelao, proposta do IES Mendiño, sendo finalmente os espazos seleccionados o Paseo da Xunqueira e a Alameda de Castelao.

Ao acto de sinalización asistiron Patricia López, técnica de promoción da saúde da Asociación Española Contra o Cancro xunto a Amparo Alonso e Fani Daviña, presidenta e voluntaria da sede local da entidade en Redondela; xunto coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Medio Ambiente e Saúde, Alberto Álvarez. Asistiron tamén a este acto: Iria Martínez, responsable da Rede Galega de Promoción da Saúde na Área Sanitaria de Vigo, alumando do IES Mendiño e integrantes da Asociación Lenda, que forman parte da Mesa Local de Saúde.

Patricia López sinala que “a creación destes Espazos sen Fume é un paso fundamental para protexer a poboación do impacto nocivo do tabaco e o vapeo e axuda a desnormalizar un hábito que segue a ser a principal causa evitable de cancro do mundo.” O obxectivo é fomentar unha vida libre de fume que protexa sobre todo á poboación infanto-xuvenil, desnormalizar o hábito de fumar en espazos convivenciais públicos reforzando o papel modélico positivo dos adultos en relación co consumo de tabaco e incentivar o abandono do hábito tabáquico e apoiar no proceso. Todo isto, co obxectivo final de conseguir que, no ano 2030, en liña coa Unión Europea, haxa a primeira xeración libre do fume do tabaco.

O abordaxe do tabaquismo na poboación xuvenil constitúe unha das prioridades estratéxicas da Asociación. Por iso, “queremos agradecer ao Concello de Redondela pola sua implicación e compromiso coa saúde pública, especialmente cos colectivos máis vulnerable como a poboación infanto-xuvenil, axudándonos a conseguir unha xeración libre de fume.”, afirman desde a entidade. Con esta adhesión, a Asociación Española Contra o Cancro e o Concello de Redondela unen esforzos para promover hábitos de vida saudables e protexer á cidadanía, especialmente aos menores, fronte á exposición ao fume do tabaco. Ambas entidades reafirman así o seu compromiso coa prevención de enfermidades e o impulso de contornas máis saudables para toda a poboación.

Pola súa banda, desde o Concello de Redondela, a alcaldesa destacou o firme compromiso do Concello co benestar público e coa educación en valores saudables: “Non se trata de prohibir, senón de concienciar, educar e, sobre todo, protexer á nosa infancia e mocidade”. Rivas quixo agradecer tamén a implicación directa da comunidade escolar neste fito: “É un orgullo ver como as nosas mozas e mozos foron os motores desta iniciativa a través das súas propostas e votacións. O Paseo da Xunqueira e a Alameda son espazos de xogo e convivencia, e desde hoxe son tamén un símbolo do noso compromiso colectivo contra o tabaquismo”.

Máis espazos sen fume, menos tabaquismo

O fume exhalado por un fumador supón unha mestura complexa de compoñentes entre os que se atopan substancias como a nicotina ou o monóxido de carbono e outros carcinóxenos. Non existe un nivel seguro de exposición ao fume ambiental do tabaco, xa que a poboación non percibe o risco de desenvolver cancro cando se inhala este fume tóxico. O tabaco produce cancro tanto nas persoas que fuman como nas que respiran o fume do tabaco doutras, xa que está demostrado que este fume contén máis de 70 substancias canceríxenas. Dos 8 millóns de persoas que falecen ao ano a causa do tabaco, 1 millón nunca fumou, e 65.000 son menores.

Compartir