Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A rapazada mergúllase nas aventuras do campamento “Coñece e desfruta Redondela 2024”

-Os participantes fan kaiak, paddle surf, observación de estrelas, xogos de orientación, supervivencia na natureza, unha acampada nocturna e actividades de educación ambiental, entre outras propostas.

– Os participantes da segunda quenda recibiron a visita da alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Infancia, Pilar Martínez, que puxeron en valor estas actividades coas que os máis novos practican deportes náuticos ao tempo que reciben formación ambiental dun xeito lúdico.

Rapaces e rapazas de entre 10 e 18 anos están a participar no campamento de aventuras “Coñece e desfruta Redondela 2024”, no que practican deportes como o kaiak e o paddle surf, xogos na praia e outras actividades lúdicas. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou onte a un grupo de participantes deste campamento xunto á concelleira de Infancia, Pilar Martínez, e puxo en valor este programa, “co que os máis novos practican deportes náuticos ao tempo que reciben formación ambiental dun xeito lúdico”. A principal novidade deste ano é a acampada nocturna, que inclúe xogos de orientación e a observación de estrelas. No campamento fan tamén actividades de “bushcraft”, xogos de supervivencia nos que os participantes aprenden a construír refuxios con materiais da natureza, e crean utensilios como cordas ou cestas con fibras naturais. Pilar Martínez, responsable tamén da área de Medio Ambiente, explica que ademais de divertirse, a rapazada “pode coñecer mellor o patrimonio natural das nosas praias e aprender a coidalo”.

Fin de semana con RedondelArte

Outra das propostas da concellería de Infancia de Redondela para este verán é o campamento RedondelArte, unha fin de semana de inmersión artística que se celebrará do 20 ao 21 de xullo. A actividade está dirixida á rapazada de 6 a 18 anos con obradoiros de artes plásticas, danza, música, construción de instrumentos e deportes urbanos, entre outras actividades. Trátase dunha proposta nova dentro da programación de verán que inclúe pensión completa e pernocta. A concelleira Pilar Martínez explica que o obxectivo é “xuntar todas as disciplinas artísticas que se imparten en Redondela para que nenos, nenas e mocidade poidan coñecelas e probar distintas actividades durante toda a fin de semana”.

As xornadas comezarán o sábado día 20 ás 9.30 da mañá no pavillón da Marisma, con actividades ao longo de todo o día. Na velada do sábado haberá unha exhibición de deportes urbanos no skate park e participarán na elaboración dun mural. Os participantes pasarán a noite no pavillón e o domingo realizarán diferentes obradoiros para rematar co fin de festa na Praza da Casa da Torre. As actividades serán impartidas polas escolas Ao Teu Ritmo, Mimarte Taller Creativo e a escola de danza CDPI.

A proposta de RedondelArte, subvencionada polo Concello, ten un copago de 45 euros por participante, 40 no caso do segundo irmán. O prezo inclúe todas as actividades da fin de semana, materiais, monitores cualificados, pernocta e pensión completa. O prazo de inscrición está aberto ata o 10 xullo. Máis información en redondelarte2024@gmail.com. Reservas no propio Concello de Redondela, no teléfono 986 400 300 ou no enderezo electrónico concello@redondela.gal.

Compartir