Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Alberto Vilas achega ao Carballo das Cen Pólas o seu traballo «Once cancións e unha danza»

– O compositor e pianista presentou o concerto do próximo sábado, día 13, xunto a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, e destacou “o privilexio de poder ofrecer as súas versións da música tradicional galega nun lugar máxico como esta carballeira”.

– O concerto comezará ás 22.00 horas e contará coa colaboración de Cristina Suárez á voz, e nel presentarán algúns temas do seu novo traballo como “María Soliña”.Antes do concerto, ás 21.30, terá lugar a presentación da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas.

Este sábado, día 13, a finca do Carballo das Cen Pólas en Reboreda acollerá un dos pratos fortes da programación Cultural de Verán do Concello de Redondela. O compositor e pianista Alberto Vilas ofrecerá neste enclave natural un concerto ás 22.00 horas con temas do seu último traballo “Once cancións e unha danza”. O compositor explica que para este traballo afondou nas súas raíces redondelás para dedicar unha das pezas, “A danza das Espadas”, a unha das tradicións locais máis arraigadas na vila, como é a Danza das Espadas da Festa da Coca. O repertorio inclúe tamén temas da música tradicional galega como «A Rianxeira», “Ven bailar Carmiña” ou «Catro vellos mariñeiros», entre outras. O artista redondelán, que presentou o concerto na emblemática finca de Reboreda xunto a alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, destacou que é “un privilexio” poder ofrecer estas versións da música tradicional galega “nun lugar máxico como esta carballeira”. Rivas destacou tamén a aposta do goberno local por celebrar as actividades en diferentes localizacións do municipio “para que a oferta cultural chegue ás distintas parroquias”. Pérez Táboas confía en que este concerto, e o resto da programación de verá sexa “un éxito” xa que desde a concellería de Cultura apóstase “polo talento local, xa temos grandes artistas como é o caso de Alberto Vilas e seguro que tanto a veciñanza como os visitantes disfrutarán deste concerto”

No recital o músico contará coa colaboración de Cristina Suárez á voz e avanzou que lle farán “algún agasallo ao público” e que presentarán algúns temas do novo traballo que están a preparar como unha versión de “María Soliña”. Vilas fai un balance moi positivo da acollida que “Once cancións e unha danza” está a ter entre o público desde que se presentou o disco, en decembro do ano pasado, xa que xente “emociónase e sorpréndense” coas versións que fai de temas populares galegos, e defende que “a tradición tamén hai que renovala e refrescala”.

Presentación da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas

Antes do concerto, ás 21.30, o recinto acollerá a presentación da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas. O novo colectivo ten entre os seus obxectivos “a defensa do patrimonio natural e etnográfico que rodea a figura do Carballo das Cen Pólas”. Lembran desde a asociación que á sombra deste carballo estiveron grandes personalidades como Emilio Castelar, Valle-Inclán ou Juan Manuel Pereira, e propoñen “promover a cultura popular xerada ao redor da figura do Carballo das Cen Pólas”.

Compartir