Campamento de conciliación no Conservatorio Municipal o verán pasado
– Os campamentos están dirixidos á rapazada con idades de 3 a 12 anos, con actividades nos meses de xullo e agosto, en horario de 09:00 a 14:00 horas, e con opción tamén de entrada ás 08.00 horas co servizo matinal. O obxectivo do Concello é ofrecer ás familias unha alternativa de lecer lúdica e didáctica para facilitar a conciliación laboral durante as vacacións escolares.
– Haberá campamentos en sete emprazamentos diferentes: Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela, Reboreda, Vilar e Redondela. Deste xeito o Concello aposta por achegar os servizos a toda a veciñanza, tanto na vila como nas parroquias. O prazo de inscrición estará aberto do 26 de maio ao 2 de xuño, ambos incluídos.
A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela organiza un ano máis o Programa Municipal de Conciliación nos meses de xullo e agosto para nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade. Deste xeito o departamento que dirixe Iria Vilaboa ofrece un servizo ás familias “que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais, ao tempo que permite a nenos e nenas participar en actividades lúdicas”. O servizo prestarase en horario de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres, coa novidade de que este ano ofértase tamén a Aula matinal, en horario de 8:00 a 9:00 horas. O número de prazas ofertadas é de 300 para o mes de xullo e 180 para agosto, e establécese unha taxa para cada quincena.
O servizo poderase solicitar por quincenas e levarase a cabo nos centros escolares de Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela e Porto Cabeiro, ademais da SLC de Reboreda e no Conservatorio Municipal Víctor Ureña de Redondela.
Deste xeito o Concello “aposta por achegar os servizos a toda a veciñanza, tanto na vila como nas parroquias, para facilitar o acceso aos campamentos e reducir os desprazamentos das familias”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
O prazo de inscrición estará aberto do 26 de maio ao 2 de xuño, ambos incluídos. A documentación (ficha de inscrición e bases) estará dispoñible desde o luns na páxina web do Concello de Redondela ou en papel nas oficinas do Concello e nas do Centro de Información á Muller (CIM) en Redondela. Máis información no teléfono do CIM 986 40 80 43.
Consulta aquí e descarga a ficha de inscrición e as bases do Programa Municipal de Conciliación: