Como é tradición Redondela viviu onte unha xornada festiva cun gran éxito de público e participación na Festa dos Maios. Por mor da chuvia, nesta ocasión a festa celebrouse baixo unha carpa no campo da feira, onde se congregaron os 23 maios participantes. Conos e cruceiros, enmarcados na categoría de maio tradicional, compartiron espazo con estruturas orixinais e variadas na categoría de maio artístico. A concelleira de Cultura, Rita Pérez, mostrou o seu agradecemento a todos os participantes “que con tanta ilusión e traballo preparan estes maios, nos que participan veciños e veciñas de todas as idades, nunha festa que é tradición e cultura de Redondela”. A cantidade e calidade dos maios presentados é unha garantía “de que esta tradición está máis arraigada ca nunca, con moita participación das nas novas xeracións, e iso é unha garantía para o futuro”, sinalaba a alcaldesa, Digna Rivas.
O Concello, ademais de outorgar unha axuda a cada maio que se presente ao concurso, premiou tamén aos mellores cun total de 12 galardóns repartidos a razón de 3 en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional, e Premio ao maio artístico. Todos eles tiveron as mesmas contías económicas cun primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro premio de 200 euros. O xurado, integrado pola xornalista Carolina Sertal, o activista cultural Fon Conde e a filóloga Ana Area, tivo a difícil tarefa de escoller aos mellores.
Premio Maio Tradicional
1º Premio: A rañala
2º Premio: O cono retranqueiro
3º Premio: O cono de Quintela
Premio Maio Artístico
1º Premio: Sen papeis
2º Premio: O lagar
3º Premio: Xeracións de Cedeira
Premio Coplas
1º Premio: Case non chegamos
2º Premio: O lagar
3º Premio: O cono retranqueiro
Premio Interpretación
1º Premio: A Ramallada
2º Premio: As florciñas
3º Premio: Choco Souto